A Xunta colabora na promoción da Ruta Xacobea

A Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Secretaría Xeral para o Turismo, traballará coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago en diversas iniciativas relacionadas coa promoción e difusión da Ruta Xacobea. Rosa Vázquez, técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, reunirase mañá capital de España con José Antonio Ortiz, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Madrid, e con outros membros da xunta directiva da entidade. O obxectivo deste encontro é coñecer as actividades da asociación e coordinar posibles proxectos de colaboración e de acción conxunta.

O Xacobeo inscribe este encontro na súa labor de asesoramento e colaboración coas asociacións xacobeas, verdadeiras embaixadas do Camiño de Santiago no territorio español e no estranxeiro.

Nos últimos anos, a Asociación de Amigos do Camiño de Madrid impulsou con gran éxito o Camiño de Madrid. Así mesmo, ven realizando un importante labor informativo e de distribución de credenciais en Madrid, cidade de procedencia da maioría de peregrinos españois que chegan a Santiago de Compostela.

Promoción do Camiño en Huesca

O Xacobeo colabora tamén coa Cámara de Comercio de Huesca coa organización dunha exposición fotográfica sobre o Camiño Francés en Aragón e mais cun ciclo de conferencias que se desenvolverán entre os días 5 e 8 de marzo na cidade aragonesa.

A exposición fotográfica que se poderá visitar dende hoxe no salón de actos da Cámara de Comercio de Huesca foi organizada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Huesca en colaboración coa Cámara de Comercio da cidade.

Na primeira conferencia do ciclo titulado ‘Os Camiños Xacobeos do Alto Aragón’, a Cámara acollerá esta tarde o relatorio do historiador Bizén d’o Río Martínez, que falará sobre ‘Hospitalidade Xacobea no Alto Aragón’. Mañá pola tarde, a encargada da conferencia será Lucienne Mur, a presidenta da Asociación Hautes Pyrenées. A técnico do Xacobeo Rosa Vázquez clausurará o ciclo o xoves pola tarde cunha conferencia titulada ‘A revitalización das peregrinacións a Santiago de Compostela’, centrada no proceso actual de recuperación do Camiño de Santiago a través, fundamentalmente, de dous movementos: o movemento asociativo xacobeo e o movemento de recuperación histórica do itinerario e da base histórica do Camiño. O obxectivo é relatar como se recupera un itinerario e se pon en marcha de novo, como se difunde, se promociona e se conserva.

A mostra fotográfica, que se pode visitar nas instalacións da Cámara de Comercio, está organizada en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Huesca, que desenvolve un importantísimo traballo de promoción, difusión e recuperación, en colaboración con outras asociacións como a Navarra. Ambas comunidades son a porta de entrada do Camiño de Santiago en España e potencian o traballo conxunto para a conservación e difusión da cultura xacobea.

A Cámara de Comercio de Huesca, a través da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, traballa dende hai anos na investigación histórica e na divulgación dos Camiños, a través da participación en feiras, en bolsas de investigación, en accións de colaboración con homólogos franceses e galegos, etc.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia