A S.A. de Xestión do Xacobeo promociona o Camiño de Santiago en Australia

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo desenvolve do 20 ao 25 de novembro en Australia unha campaña de promoción e posta en valor do Camiño de Santiago no marco dunha misión comercial organizada pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo e na que tamén participa institucionalmente a Universidade de Santiago de Compostela.

A directora xerente do Xacobeo, Camino Triguero encabeza a representación institucional da Xunta de Galicia nesta campaña na que empresarios do sur de Galicia buscan abrir novos mercados. A responsable da entidade pública encargada da conservación e promocións das rutas xacobeas tentará acrecentar o interese que as peregrinacións veñen suscitando no sur asiático. Desde o ano 2004, no que se rexistraron oficialmente 480 peregrinos australianos, a progresión de Australia é constante na clasificación de nacións que máis peregrinos aportan, ocupando actualmente o posto número 16, xusto detrás de Corea, outro país en sorprendente e constante crecemento. No presente ano 2011 xa recolleron a súa Compostela 1.388 peregrinos australianos.

Nesta acción promocional da marca Xacobeo en Australia, a directora xerente reunirase co director do Instituto Cervantes en Sidney, responsables da Universidade Nacional de Australia en Camberra, titulares do departamento de español en Melbourne e diversos centros culturais e oficinas consulares españolas. Camino Triguero tamén impartirá diferentes charlas nas que exporá o concepto e historia das peregrinacións a Santiago e a súa universalización e actualidade para responder á espectacular expectación que o fenómeno xacobeo está a suscitar en Australia e en toda Asia en xeral.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia