A S.A. de Xestión do Xacobeo colabora no VII Congreso Nacional de Historia da Construción

A directora xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Camino Triguero, asistiu á primeira xornada do ‘VII Congreso Nacional de Historia da Construción’ organizado pola Sociedade Española de Historia da Construción, a Universidade de Santiago de Compostela e o Máster Universitario en Renovación Urbana e Rehabilitación do Instituto Juan de Herrera, contando coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Camino Triguero destacou no seu discurso o papel que xogaron as rutas xacobeas na difusión das distintas correntes arquitectónicas ao longo da historia e subliñou a importancia destas “na propia infraestrutura e nas pontes, nas catedrais e mosteiros que pautan a ruta e, por suposto, nos seus centros urbanos e núcleos etnográficos”.

Na apertura do congreso, que se celebra na Hospedería de San Martín Pinario ata o vindeiro sábado 29 de outubro, a directora xerente lembrou que a “propia construción do Camiño Francés foi un acto consciente liderado polas monarquías dos séculos XI e XII, co propósito de vertebrar os seus reinos”. “Xunto ao desenrolo histórico da peregrinación compostelá difundíronse, ao longo do Camiño, as novidades técnicas e estéticas da construción”, engadiu. Deste xeito, segundo Camino Triguero, “a difusión e desenvolvemento destes coñecementos deron lugar, durante séculos, a unha floración construtiva concentrada no espazo sagrado do Camiño”.

A responsable do Xacobeo resaltou a importancia do “pulo construtivo dos camiños de Santiago que propiciou o deseño e realización de complexos edificios e humildes pallozas, elevación de muros e cubertas, arcos, bóvedas e pontes”. Así tamén, Camino Triguero salientou a importancia do “desenvolvemento do comercio e o auxe da arquitectura de vivendas, igrexas e palacios nas vilas e cidades”.

A primeira edición do Congreso Nacional de Historia da Construción, de carácter bianual, celebrouse hai quince anos en Madrid. Entre os seus obxectivos destaca a promoción e difusión dos estudos neste campo e a contribución para que a historia da construción se converta nunha disciplina académica recoñecida no ámbito universitario nun futuro próximo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia