Aumenta un 5,44% o número de visitantes a Galicia durante o mes de setembro

O número de visitantes a Galicia no pasado mes de setembro foi de 921.479, segundo os últimos datos oficiais resultantes do informe Enquisa Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estadística (INE) e dos datos derivados de Frontur, que mide o excursionismo estranxeiro. Esta cifra supón un 5,44% de incremento no número de visitantes con respecto ao pasado Ano Santo.

En detalle, considerando os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), acadáronse un total de 376.653 viaxeiros neste mes, correspondentes ao volume de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, á falta de coñecer aínda os datos procedentes dos establecementos extrahoteleiros (turismo rural, cámpings e apartamentos), co cal se verá incrementada a cifra xeral da oferta regrada no mes de setembro. Segundo os datos de Frontur, no mes de setembro Galicia rexistrou tamén a chegada de 544.826 excursionistas estranxeiros, un 22,25% máis que no mesmo mes do pasado ano.

Acumulado xaneiro-setembro

En total, a cifra de visitantes que chegaron a Galicia nos primeiros nove meses do ano acadou os 7.415.567, o que supón un 6,4% máis que en 2010 e un 15,3% máis que no mesmo período de 2009.

Máis concretamente, e segundo os datos provisionais que manexa Frontur, a comunidade galega rexistrou a 4.358.940 excursionistas estranxeiros, que supoñen un 22,8% de incremento con respecto a 2010 e un 29% con respecto a 2009.

No tocante á oferta de turismo regrado, contabilizáronse de xaneiro a setembro un total de 3.056.627 viaxeiros. Esta cifra corresponde ás máis de 2.700.000 persoas aloxadas en establecementos hoteleiros ata o mes de setembro e ás 355.842 aloxadas en establecementos extrahoteleiros ata o mes de agosto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia