O camiño real de Castela a Santiago por Ourense pon en valor esta ruta histórica

O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, asistiu no Museo Municipal de Ourense á inauguración da exposición O camiño real de Castela a Santiago por Ourense base do camiño de peregrinación Vía da prata, que organiza o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. O director xeral recordou que unha das liñas estratéxicas da Consellería de Cultura e Turismo é “a dinamización dos Camiños de Santiago como eixes vertebradores do territorio e xeradores de potenciais recursos turísticos”. Neste sentido, Rey Pichel destacou que esta exposición cumpre “a función esencial de dar a coñecer o valor patrimonial deste camiño, impulsando a súa posta en valor e convertendo en eixo de referencia e sinal identitaria”.

O acto inaugural contou ademais coa participación do director do Museo Arqueolóxico Provincial, Xulio Rodríguez González, e da comisaria da exposición, Yolanda Barriocanal López. Pola súa banda, José Manuel Rey Pichel subliñou que se está dando “un importante paso cara a posta en valor deste camiño, avanzando cara adiante tanto no proceso do seu coñecemento histórico, como na potenciación da súa promoción e difusión para o seu consumo cultural”. “Neste contexto, dende a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural propomos de respecto a dimensión histórica e paisaxística da ruta e mantemento da súa dinámica intrínseca, para facer compatibles os seus diferentes usos”, engadiu.

O camiño real de Castela a Santiago por Ourense pretende dar a coñecer de forma gráfica a realidade histórica desta ruta, unha das máis importantes infraestruturas territoriais de Galicia, o proceso histórico da súa formación e transformación e a importancia do seu valor patrimonial. A exposición está composta por 33 paneis informativos que mostran o trazado da vía a través de planimetría antiga e o patrimonio asociado a través de numerosas fotografías. Esta mostra está cimentada en gran medida no libro do mesmo título da autoría da profesora Yolanda Barriocanal López, comisaria tamén desta exposición, e que publicou o Grupo Marcelo Macías, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo.

Itinerancia polas vilas do camiño real

Tomando como base a documentación de carácter histórico-literario –crónicas, relacións de viaxes e diarios de peregrinación– foise facendo a reconstrución do seu trazado. A selección de mapas e planos manuscritos, procedentes de diferentes arquivos e bibliotecas, permite comprobar a densidade dos camiños do século dezaoito, herdeiros dos medievais. Para configurar a exposición tamén se consultaron diversos arquivos de administracións que historicamente tiveron competencias en materia de construción, mantemento e reparación de camiños. A partir do mes de outubro, a mostra comezará unha itinerancia por diversos concellos da provincia de Ourense por onde transcorre o camiño real, como Verín, Xinzo, Allariz, Cea, e outras vilas que dispoñan da infraestrutura necesaria para albergar a mostra.

Este camiño, ademais da súa realidade xacobea, ten o seu propio valor cultural como antiga vía de comunicación que atravesa espazos naturais de gran beleza e contrastes enfeitados cun rico patrimonio, produto dunha longa e rica historia. O recoñecemento documental desta ruta como parte dun territorio histórico e a valoración dos seus elementos patrimoniais contribúen a subliñar a súa identidade e dimensión en canto vía cultural.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia