O Camiño de Santiago e o Xacobeo protagonizan cursos universitarios en Corea do Sur |
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/peregrinos_carretera.jpg)
Os Cursos Internacionais promovidos pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, porán en valor as rutas xacobeas e promocionarán o Camiño de Santiago. Deste xeito, mañá xoves en Pyeongtaek e o venres en Seúl e Kyung Hee realizarase a presentación institucional do Xacobeo e do 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago. Deste xeito, o profesor José Miguel Andrade impartirá tres conferencias sobre a Historia do Camiño e das peregrinacións a Santiago de Compostela, tituladas ‘El Camino de Santiago: un pasado milenario y un presente de futuro’.
As presentacións estarán seguidas por mesas redondas onde peregrinos de Corea que fixeran o Camiño contarán a súa experiencia. Esta mañá na Universidade de Kyung Hee participou Kim Hyo Sun, autora de tres libros sobre o Camiño e considerada, xunto coa autora Kim Mamhee, unha das protagonistas do recente boom de camiñantes procedentes de Corea. A escritora falou da súa experiencia persoal como peregrina e animou aos mais de cen participantes a percorrer o Camiño de Santiago.
Cursos Internacionais
A colaboración de Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para a promoción conxunta do Camiño de Santiago, pretende que a marca deste produto sexa coñecida e respectada no mercado do turismo lingüístico e cultural internacional, converténdose nun referente nos dous sectores. Un programa de calidade, exclusivo e diferente, que proporcione ao estudante a experiencia e coñecemento de Galicia, do Camiño de Santiago, da Universidade e que satisfaga todas as súas necesidades académicas, culturais e vivenciais.
O feito do espectacular aumento de peregrinos coreanos a Santiago xunto ao crecente interese dos estudantes coreanos por aprender español fai que esta acción promocional no continente asiático sexa especialmente interesante.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia