A Catedral de Santiago, o Camiño e o Xacobeo, oportunidades galegas

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, participou na presentación do libro A Catedral de Santiago. Beleza e Misterio, editado polo Consorcio de Santiago en conmemoración do VIII Centenario da Catedral de Santiago de Compostela. O conselleiro avogou por aproveitar a oportunidade única que “a Catedral de Santiago, o Camiño e o Xacobeo nos ofrecen para situar permanentemente a Galicia nunha posición central a nivel cultural e turístico”.

Roberto Varela asegurou que “a consolidación do Camiño de Santiago como principal meta de peregrinación de Occidente na Idade Media tivo unha relación directa co desenvolvemento de Europa”. “A transmisión de coñecementos, de correntes artísticas e de técnicas de creación que se produciu ao longo das rutas xacobeas supuxo un indiscutible enriquecemento para a cultura occidental”, engadiu.

Neste eido, o responsable de Cultura e Turismo recordou que “un dos meirandes legados dese vizoso intercambio cultural é –sen dúbida– a Catedral de Santiago”. Segundo o conselleiro, “estamos a falar dun dos monumentos máis representativos da arte medieval, que –ademais de ser símbolo máximo do fenómeno xacobeo e meta obrigada para os peregrinos–, é unha obra mestra da cultura universal”.

No ano no que celebramos o Oitavo Centenario da Consagración do templo compostelán, o conselleiro apostou por “continuar afondando no coñecemento dos infinitos segredos da Catedral”. Nese sentido, Varela asegurou que a publicación presentada hoxe “contribuirá á difusión deste patrimonio, mediante unha viaxe profusamente ilustrada e moi ben documentada pola historia catedralicia, porque botar unha ollada aos avatares da construción da Catedral significa percorrer varios séculos de evolución da arte occidental”.

Roberto Varela anunciou que, “tras o éxito do Xacobeo 2010, dende a Consellería de Cultura e Turismo continuaremos apostando pola promoción turística e cultural do Camiño en Europa e no mundo”. O conselleiro recordou que hai un mes estivo na localidade francesa de Le Puy-en-Velay, de onde parte cara a Santiago a histórica Via Podiensis, e onde firmou os estatutos dunha nova rede de colectividades europeas atravesadas polas rutas xacobeas. Así mesmo, o titular de Cultura tivo onte a oportunidade de asinar un novo acordo de colaboración para a promoción turística coa rexión italiana de Trentino, na que existe unha gran tradición de culto ao Apóstolo dende o século XV.

En palabras do conselleiro, “Santiago e Galicia teñen a sorte de seren meta do Camiño e fogar da Catedral, mais o Xacobeo é un fenómeno universal”. “Durante séculos o Camiño ten sido unha arteria fundamental para o progreso e a dinamización de Europa e, grazas a el, Galicia pasou de ser a fin do mundo para converterse nun lugar de referencia”, asegurou. Segundo Roberto Varela, “o renacemento que ten experimentado o Xacobeo na últimas décadas outórganos a oportunidade de establecer contactos e intercambios con culturas de todo o mundo, e supón unha canle extraordinaria para transmitir a nosa identidade e as nosas manifestacións”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia