O Mosteiro de Samos acolle a xornada Turismo Sustentable nas rutas de peregrinación a Compostela

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentou no Mosteiro de Samos a xornada Turismo sustentable nas rutas de peregrinación a Compostela, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo no marco do proxecto Ultreia. Este proxecto europeo, do que forma parte como socio líder a Secretaría Xeral para o Turismo, pretende a promoción do turismo sostible cultural, relixioso e patrimonial vinculado ás rutas marítimas e interiores a Compostela. A xornada foi clausurada pola delegada da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, e contou coa participación do prior do Mosteiro de Samos, José Luis Vélez.

Na súa intervención, Carmen Pardo asegurou que “a través deste proxecto, damos un paso máis na explotación turística do Camiño de Santiago”. A secretaria xeral para o Turismo amosou a vontade da Xunta de Galicia de “seguir traballando na posta en valor do Camiño de Santiago a través destas fórmulas” e destacou a participación internacional nesta xornada dos socios portugueses, franceses e galegos do proxecto Ultreia. Nesta liña de actuación, Carmen Pardo subliñou a importancia da recente constitución da Federación Europea dos Camiños de Santiago de Compostela, nun acto que tivo lugar na localidade francesa de Le Puy o pasado 1 de abril. A través desta federación, a Xunta de Galicia, a Communauté d’agglomération de Puy-en-Velay (Francia) e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (Portugal) márcanse como entidades fundadoras o obxectivo de reunir ás colectividades territoriais do continente europeo atravesadas polos Camiños de Santiago arredor dunha promoción común cultural e turística das diferentes rutas, un patrimonio cultural que comparten desde fai varios séculos.

Segundo explicou a secretaria xeral para o Turismo, “mediante o proxecto Ultreia fomos máis aló que o habitual intercambio de boas prácticas e de coñecemento entre os socios”. Deste xeito, apuntou que “se acadou a concepción de produto en si a través dos produtos turísticos das diferentes rexións que colaboramos no proxecto”. En verbas de Carmen Pardo, estes paquetes turísticos “serán promocionados por nós e comercializados por axencias de viaxe, creando un valor engadido neste tipo de proxectos”.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Lugo destacou que as rutas xacobeas “son tamén fonte de riqueza”. “Podemos e debemos impulsar o turismo como motor económico dunha sociedade que ten que recuperar a confianza en si mesma para volver á senda do crecemento”, afirmou Raquel Arias. Neste sentido, indicou que “xa o fixemos no Xacobeo10, no que algúns cremos cando chegamos ao goberno e atopamos todo por facer”. “Os nove millóns de visitantes chegados a Galicia dan fe de que o noso propósito non ía desencamiñado e o traballo mereceu a pena”, resumiu.

Segundo Arias, o auxe do fenómeno Xacobeo nas últimas décadas “deu resultados espectaculares en Galicia en canto á afluencia de visitantes, á revalorización das rutas e o seu patrimonio, á nosa imaxe como destino turístico diferenciado”. “O verdadeiro avance do proxecto Ultreia pasa polo coñecemento e implicación no mesmo das poboacións, non dos organismos concretos implicados”, engadiu. Non obstante, a delegada da Xunta en Lugo sinalou que o nivel de implicación “obedecerá á calidade da proposta que resulte do traballo que veñen realizando os socios franceses, irlandeses, portugueses e galegos, e que hoxe coñecemos máis a fondo nesta xornada”.

Axendas 21 turísticas do Camiño de Santiago

A xornada serviu para presentar as Axendas 21 turísticas do Camiño de Santiago en Galicia. O proceso de elaboración da Axenda 21 nos territorios socios do proxecto serve como vector de vertebración de cohesión tanto no plano institucional como social, ao constituírse nun foro transnacional de reflexión e construción de consensos estratéxicos para o artellamento dun modelo de turismo sostible no marco atlántico, vinculado ao Camiño de Santiago.

No encontro celebrado hoxe tamén foi presentado o produto turístico ‘Ultreia Arco Atlántico’ así como a ponencia ‘Turismo sustentable no Camiño de Santiago’ a cargo de Valerià Paül Carril, investigadora postdoutoral contratada da Universidade de Santiago de Compostela. A xornada concluirá con visitas guiadas ao propio Mosteiro de Samos e ao albergue de Lusío.

O obxectivo xeral do proxecto Ultreia é promover o turismo sostible cultural, relixioso e patrimonial vinculado ás rutas marítimas e interiores a Compostela a través de dous eixos fundamentais: a posta en marcha de Axendas 21 turísticas e a creación dunha rede de rexións atlánticas que desenvolva produtos turísticos nun marco atlántico cultural común vinculado ás peregrinacións marítimas e de interior a Compostela.

Preténdese desenvolver un turismo sostible contando coa participación da cidadanía dos territorios así como con axentes sociais, turísticos, económicos e coas autoridades locais respectivas de forma que se responda ás necesidades específicas de cada territorio. A través da valorización e difusión turística preténdese crear as condicións óptimas para o fortalecemento do tecido económico rexional, a creación de emprego, a estimulación dos potenciais endóxenos e de factores de competitividade.

O proxecto Ultreia está financiado polo programa transnacional Espacio Atlántico e constituído pola Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, como xefe de fila; a Fundación para o Desenvolvemento comarcal de Santiago, El Conseil Général de la Manche de Francia, Fàilte Ireland West and North West de Irlanda, a Câmara Municipal de Valença do Minho e a Diócese de Beja, ambas de Portugal.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia