A Xunta avoga por aproveitar o éxito do Xacobeo 2010 para que perdure ata o Ano Santo de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, e o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, foron os encargados de inaugurar a xornada Camino de Santiago: Destino Xacobeo 2021, que organiza estes días a Asociación Amigos dos Pazos. Xunto ao presidente de honra e a presidenta do colectivo, Juan Manuel López-Chaves e Delfina Cendón, respectivamente, e o secretario da Associaçao de Valença do Minho de Amigos do Caminho de Santiago, Rafael Higgs Estanqueiro, os representantes do Goberno galego felicitaron aos organizadores e agradeceron o seu traballo a prol da promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo.

A delegada territorial da Xunta en Vigo tivo unhas verbas especiais para a Asociación Amigos dos Pazos, da que recoñeceu o seu predominante carácter cultural “co propósito de difundir e defender o patrimonio artístico, cultural, popular, paisaxístico e natural de Galicia así coma os camiños de peregrinación a Santiago de Compostela, con especial dedicación aos camiños portugueses”. Neste senso, Molares destacou a potencialidade do Camiño de Santiago e do Xacobeo para conseguir que celebración do Ano Santo fóra un éxito que, ademais, axudou a conquerir obxetivos turísticos e económicos e, así, chegar a ter os actuais datos de ocupación turística, que reflexan que no período de xaneiro a outubro do 2010 se duplicou o volume de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros da Comunidade Autónoma.

Molares detallou que durante os dez primeiros meses do ano contabilizouse un incremento do 12,43% no volume de viaxeiros aloxados con respecto ao mesmo período do ano pasado e engadiu que xa se selaron 269.000 “compostelas” e que, a estas alturas do Ano Santo, xa se cumpriu o obxectivo da Xunta de acadar 8 millóns de visitantes. “É un logro e unha chamada de Galicia ao resto de España e o mundo”, subraiou a delegada, quen concluíu que coa celebración do Xacobeo se logrou a potenciación de Galicia en tres aspectos: o espiritual, o cultural e o turístico. Con todo, a representante da Administración autonómica na cidade avogou por continuar co éxito acadado neste ano e seguir traballando de forma coordinada dende todas as administracións, sectores e asociacións. “Hai que aproveitalo e seguir traballando para que continúe o éxito acadado”, dixo a responsable do Goberno na cidade.

Pola súa banda, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, destacou que a xornada inaugurada hoxe "chega no momento idóneo", xa que, engadiu, "cando o Ano Santo está a piques de rematar, recórdanos algo que todos temos moi presente: que a promoción do Camiño de Santiago non remata este mes de decembro". Na súa intervención, Ignacio Santos asegurou que "hai que traballar con constancia de cara o próximo Ano Santo 2021 para manter viva a chama do Xacobeo" e apostou por "defender e impulsar aínda máis as rutas que teñen como meta Santiago de Compostela".

A xornada Camino de Santiago: Destino Xacobeo 2021, que pretende servir coma reflexión sobre os retos a abordar de cara á celebración do vindeiro ano Xacobeo, tivo lugar durante a mañá no Centro Social Caixanova para rematar o día cunha visita aos pazos da Pastora e Quiñones de León. Os participantes visitarán Santiago de Compostela, onde acudirán á Cidade da Cultura e asistirán á Misa do Peregrino na Catedral de Santiago.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia