Máis de 40.000 persoas asistiron aos 50 concertos programados no ciclo Xacobeo Classics

Máis de 40.000 persoas asistiron aos cincuenta concertos que conformaron ata o de agora, quedan tres por celebrarse, o ciclo Xacobeo Classics. Este medio cento de actuacións, nas que se deu cita o mellor da música clásica actual, estiveron repartidas por toda Galicia, chegando a multitude de pequenos e grandes escenarios da comunidade galega.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela asegurou que o ciclo, Xacobeo Classics, representa “un fito dentro da historia cultural de Galicia”. Segundo o conselleiro o programa de música clásica concíbese para “todos os públicos a través dunha programación que chegue a todas as vilas galegas”. “Máis de 40.000 persoas asistiron aos concertos deste ciclo, o que demostra que en Galicia existe unha gran afección á música que queríamos satisfacer desde o Goberno Autonómico”, engadiu.

En verbas de Roberto Varela, “o programa do Xacobeo Classics estivo composto por grandes estrelas internacionais, pero tamén intentamos construír unha programación que estivera vinculada a espiritualidade dos Camiños de Santiago”. Asemade, desde a Xunta de Galicia, “ponse en valor a programación galega e aos músicos galegos, destacando o Concerto para violín, ou a reestrea da ópera galega O Mariscal, despois de moitos anos”.

Segundo o conselleiro a través do ciclo “programáronse por vez primeira eventos que constituíron un verdadeiro fito como a estrea de Parsifal de Richard Wagner”. Varela apuntou que Xacobeo Classics “aínda non rematou e quedan algúns concertos ata final de ano cando se pechará o ciclo coa gran Misa en fa menor de Bruckner no Auditorio de Galicia”.

O ciclo Xacobeo Classics, unha das propostas máis ambiciosas da programación deseñada para este Ano Santo, fixo posible que por primeira vez se presentaran nos escenarios galegos grandes artistas de talla internacional que nunca antes actuaran en Galicia, como é o caso do pianista Lang Lang, de Anne-Sophie Mutter, Cecilia Bartoli, Elina Garança ou Daniela Dessì.

A música espiritual, vencellada coa idea de reflexión interior do Camiño de Santiago, tamén tivo un lugar moi destacado neste ciclo, con grandes obras do panorama universal como a ‘Misa en si menor de Bach’, que supuxo o arranque europeo en Galicia da nova xira de concertos de John Elliot Gardiner; o Requiem de Verdi coa Sinfónica de Galicia e o Orfeón Donostiarra, ou o Mesías con Paul Macreesh e o Gabrieli Consort.

Ao longo deste ano, tamén se produciron estreas importantísimas como a da ópera Parsifal de Wagner en Galicia, coa presentación dunha das mellores orquestras de Europa, como é a Royal Liverpool Philharmonic e o seu flamante titular Vasily Petrenko. O ciclo Xacobeo Classics tamén supuxo a estrea en España da versión orixinal do Guillaume Tell de Rossini co maior especialista mundial deste repertorio, como é Alberto Zedda.

No ámbito da creación galega producíronse máis de 30 estreas de compositores galegos e levouse a cabo o encargo dunha obra de gran formato a un dos maiores compositores novos de Galicia, Octavio Vázquez, estreada a semana pasada no Auditorio de Galicia. Asemade, recuperouse o patrimonio histórico coa reestrea en tempos modernos da ópera ‘O Mariscal’, de Rodríguez Losada e Cabanillas, que se puido ver en Vigo e A Coruña. Por último, tamén se gavou un disco de cancións galegas coa artista internacional, Cristina Gallardo, e a Orquestra Gaos.

Neste mesmo apartado, o da música feita en Galicia, Xacobeo Classics rendiu homenaxe a Rogelio Groba, o decano dos compositores galegos, cunha serie de oito concertos distribuídos en oito vilas galegas e colaborou coa celebración do ciclo de cámara da Asociación Galega de Compositores.

Programación de decembro

O ciclo Xacobeo Classics ten preparadas para o mes de decembro tres actuacións coas que pechar este ano 2010. A primeira cita será o vindeiro luns 13 de decembro, nesa data o Centro Cultural Caixanova de Vigo acollerá a interpretación de O Mesías de Händel por parte de Gabrieli Consort and players, unha das agrupacións vocais máis prestixiosas de Europa, e o seu director, Paul McCreesh. O concerto, que se iniciará ás 20.30 horas e que forma parte da programación conxunta de Xacobeo 2010 e Caixanova, amosará a xoia dos oratorios de G. F. Händel. A música coral máis popular nunca composta foi creada en 1741, e desde entón non deixou de interpretarse, sobre todo no período no que agora se ofrecerá en Galicia, preto do Nadal. McCreesh, considerado unha das maiores autoridades mundiais da música antiga, fundou un coro de cámara e un conxunto con instrumentos orixinais mentres estudaba na Universidade de Manchester. A partir de ambas as dúas formacións, en 1982 xurdiron os Gabrieli Consort and Players, que dende entón se presentaron nos principais festivais e auditorios internacionais.

O martes 14 de decembro, o ciclo Xacobeo Classics viaxa ata A Coruña para celebrar no Colón Caixa Galicia un concerto da Orquestra Sinfónica de Castela e León. A cita será ás 20.30 horas e as entradas pídense adquirir a través da web de Caixa Galicia, no número de teléfono 902434443 e na billeteira do teatro. Con este concerto, incluído no apartado destinado ás grandes orquestras de Xacobeo Classics, a cidade herculina acollerá o debut en Galicia dun dos directores novos máis destacados dos últimos tempos, o francés Lionel Bringuier, que acompañará a prestixiosa soprano alemá Angela Denoke nos Cuatro últimos lieder de Richard Strauss.

Bringuier, que dirixirá ademais a Quinta Sinfonía de Tchaikovsky no seu primeiro concerto en Galicia, foi asistente de Esa-Pekka Salonen na Filhármonica de Los Angeles, antes de asumir a titularidade da sinfónica de Castela e León. Con só vinte e tres anos, foi invitado a dirixir algunhas das principais orquestras americanas (Filharmónica de Nova York ou Orquestra de Cleveland) e de Europa, como poden ser a Staastkapelle de Dresde ou a Orquestra da Radio de Suecia.

Por último, o xoves 23 de decembro e para pechar as actividades do ciclo Xacobeo Classics no 2010, a Real Filharmonía de Galicia, co seu director titular, propóñense abordar por primeira vez a impresionante Misa en fa menor de Anton Bruckner, obra que marca un punto de inflexión na carreira do compositor alemán anunciando as súas sinfonías de madurez, aquelas polas que é famoso grazas sobre todo ás interpretacións de directores como Wilhelm Furtwängler e Sergiu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia