Loci Iacobi propón renovar os lazos de unión forxados a través das rutas xacobeas

O conselleiro de Cultura e Turismo inaugurou no Edificio Simeón de Ourense o coloquio internacional Loci Iacobi Lugares de Santiago. Camiños de peregrinación a Santiago que abordará aspectos relativos aos distintos Camiños de Santiago e a súa iconografía. Roberto Varela asegurou que mediante este seminario “renovaranse os lazos de unión que se forxaron a través das rutas xacobeas” e incidiu no caso de Francia e Portugal, socios deste proxecto europeo, como“dous países veciños onde o culto ao Apóstolo tivo tanto vigor e influencia”.

En verbas do conselleiro de Cultura “estamos a facer un labor común de investigación, promoción e difusión dos Camiños de Santiago, un traballo que considero moi positivo e proveitoso”. Respecto a influencia do Apóstolo nos países orixinarios dos outros dous membros do proxecto, a Diócese de Beja (Portugal) e a Communauté d’Agglomération du Puy-en-Velay (Francia), Roberto Varela apuntou que “permite albiscar a velocidade e a forza coa que se espallou o poder de atracción de Compostela entre todos os países da cristiandade”.

Na súa intervención o conselleiro uniu o espírito do coloquio internacional coa “necesidade de emprender o camiño que é inherente á condición humana e vai unida á perenne inquedanza pola procura de novos coñecementos”. Segundo Varela, “os Camiños de Santiago como rutas por antonomasia do homo viator aportan claves decisivas para entender a evolución dos habitantes de Europa”, engadiu.

O conselleiro de Cultura e Turismo enxalzou a perspectiva antropolóxica do Camiño de Santoago que “influíu decisivamente no home e na muller europea, na súa forma de enfrontarse á vida e ao mundo, e no xeito de relacionarse cos demais”. Roberto Varela aseverou na súa alocución que “no Camiño afóndase, en cambio no moito que temos en común, no Camiño todos somos peregrinos”. O titular de Cultura e Turismo relatou que “nestes albores do século XXI o fenómeno xacobeo está a demostrar unha forza só comparable à que tivo no medievo” polo que situou o compromiso da Xunta de Galicia en “traballar no redescubrimento e na difusión desa historia común que se escribiu peregrinando”.

A inauguración do seminario internacional contou coa participación asemade do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, e dos expertos internacionais que participarán nesta xornada. A ponencia de apertura correu a cargo do presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken, quen falará da dimensión europea da Ruta Xacobea. Ademais, organizarase unha mesa redonda sobre iconografía e culto dos santos peregrinos e guerreiros nos Camiños de Santiago que contará coa participación de expertos como Geraldine Dabrigeon, conservadora do Patrimonio do País da Arte e da Historia da Communauté d’Agglomeration de Le-Puy-en-Vélay en Francia; do director do Museo das Peregrinacións de Santiago, Bieito Pérez Outeiriño, e mais do direcor do Departamento de Patrimonio Histórico e Artístico da Diocese de Beja en Portugal, José Antonio Falçao.

Do mesmo xeito, o catedrático da USC e membro do Comité de Expertos, Fernando López Alsina, ofrecerá un relatorio sobre os Camiños de Santiago na Historia. O encontro contará coa participación de expertos tan relevantes como Humbert Jacomet, conservador do Patrimonio da Dirección Rexional de Asuntos Culturais (DRAC) d’Auvergne ou a directora do Gabinete de Estudos sobre a Orde de Santiago do Municipio de Palmela en Beja, Isabel Cristina Ferreira, que fará un percorrido por cinco poboacións medievais do Camiño de Santiago no sur de Portugal.

Exposición sobre a cultura xacobea

Como remate desta xornada, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, inaugurará esta tarde no Edificio Simeón a exposición itinerante “Loci Iacobi”, con pezas vencelladas ao culto e á cultura xacobea dos tres países socios do proxecto, que propón unha ampla reflexión sobre a peregrinación como realidade cun profundo significado antropolóxico, histórico e sociolóxico a partir dos tres lugares chave do Camiño de Santiago.

A celebración deste coloquio internacional en Ourense enmárcase nas actividades programadas dentro do proxecto europeo “Loci Iacobi”, que trata de investigar, promocionar e dinamizar turística e culturalmente o Camiño de Santiago ao seu paso polos territorios socios do proxecto: Beja, en Portugal; Le Puy-en-Velay en Francia e mais Galicia. Na actualidade, a Consellería de Cultura e Turismo é xefe de fila deste proxecto europeo a través da Secretaría Xeral para o Turismo.

O proxecto desenvólvese co apoio da Unión Europea a través do Programa Operativo de Cooperación Transnacional no Espazo Sudoe 2007-2013. Procúrase valorizar a cultura, o patrimonio e os recursos do territorio vencellados ás peregrinacións a Compostela e, en particular, reforzar a identidade do Camiñode Santiago, non só como expresión cultural europeoa senón tamén como elemento de cohesión entre comunidades trasnacionais, de xeito que se recoñezan como iguais, o que favorecería a súa capacidade de acutar en común.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia