O CGAC acolle Transtempo: unha selección de imaxes de Cristina Rodero

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle o xoves 18 de novembro ás 20.00 horas a inauguración da exposición Transtempo, incluída no Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010 e que está conformada por unha selección de imaxes da prestixiosa fotógrafa Cristina García Rodero. As fotografías, tomadas desde o ano 1974 ata a actualidade, ofrecen por primeira vez de xeito estruturado, a súa persoal visión dunha Galicia intemporal, onde a relixión e os ritos pagáns se entrelazan nun relato que atravesa varias xeracións. A mostra Transtempo, comisariada por Miguel von Hafe e María José Villaluenga, estará aberta ao público ata o vindeiro 13 de febreiro.

Cristina García Rodero, nada en Puertollano (Ciudad Real) en 1949, é un referente da fotografía española contemporánea. De feito, en 2009 converteuse na primeira fotógrafa española admitida como membro de pleno dereito na prestixiosa axencia Magnum. Ao longo da súa carreira recibiu, entre outros, o Premio Nacional de Fotografía (2006), o Bartolomé Ros de PHotoEspaña (2000) e o World Press Photo (1993, 1997 e 2008), como recoñecemento ao seu labor.

Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, comeza a súa carreira docente no 1974 dando clase de debuxo na Escola de Artes e Oficios de Madrid. No 1983 comeza a impartir clases de fotografía na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid, actividade que realiza ata 2007. Asemade, ten compatibilizado a creación fotográfica e a colaboración en diversas publicacións periódicas españolas e estranxeiras coa súa tarefa docente. As súas primeiras obras aparecen nos concursos universitarios a finais dos anos sesenta. No 1973 planea a tarefa de fotografar costumes e festas por toda España.

A través das súas imaxes, Cristina García Rodero constrúe un meta-relato que mostra con precisión interrogativa un determinado contexto social e xeográfico, que o supera e desborda para regresar ao seu lugar orixinal. Transtempo está chea de detalles que sorprenden ao espectador, como o dun ancián que no Entroido de Verín intenta bicar unha muller que non parece sequera prestarlle atención; a ofrecida no caixón co seu abano e os seus lentes escuros en Santa Marta de Ribarteme; a muller que terma fachendosa dunha cabeza de peixe na lonxa de Vigo, ou a avoa infranqueable de Xende.

Todas as personaxes que conforman a exposición foron captados pola fotógrafa cunha mirada que os retira do anecdótico para fixalos como paradigmas dunha maneira de celebrar a vida. E é na trama complexa deste presente perpetuo, deste transtempo vivido ou recoñecido, onde se moven as obras de Cristina García Rodero, que falan daquilo que as persoas conseguen sentir, ulir, respirar: da condición humana e da súa transitoriedade.

A mostra Transtempo, que estará aberta ao público ata o próximo 13 de febreiro, está incluída no Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010, un apartado que recolle os proxectos expositivos de carácter máis contemporáneo plasmados en diferentes espazos de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia