O Premio Cervantes Antonio Gamoneda pecha o programa Camiño ao Andar |

O escritor, tradutor e poeta italiano Erri de Luca será o encargado de comezar ás sete da tarde no CGAC a sesión de mañá coa súa conferencia, titulada O camiño en zigzag da liberdade. Autor dunha poderosa obra literaria marcada por elementos autobiográficos como a súa militancia na extrema esquerda italiana ou a súa experiencia como obreiro, camioneiro ou albanel, na súa intervención reflexionará sobre como a palabra pública, a poesía, o canto ou o teatro poden conducir aos camiños da liberdade.
A partir das oito Antonio Gamoneda, unha das principais figuras vivas do panorama poético en lingua española, pronunciará a última conferencia de Camiño ao andar, titulada Creación estética de e sobre o Camiño: forma, iconografía, escritura. Nesta intervención fará un seguimento espacial e temporal de aspectos estéticos presentes ou suscitados polo Camiño de Santiago. A partir das nove do serán celebrarase un coloquio, no que poderán participar os inscritos ás conferencias de mañá, nas que xa non hai prazas dispoñibles.
PROGRAMA 28/10/2010. Auditorio CGAC
19:00 Erri de Luca
O camiño en zigzag da liberdade
20:00 Antonio Gamoneda
Creación estética de e sobre o Camiño: forma, iconografía, escritura
21:00 COLOQUIO
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia