Investigadores de todo o mundo participan en Compostela no VIII Congreso de Estudos Xacobeos

Máis de vinte investigadores de todo o mundo participarán desde o mércores día 13 de outubro no VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos. O considerado como o grande congreso do Camiño de Santiago, que está organizado por Xacobeo 2010, dentro da súa programación de Camiño da Reflexión, e o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, acolle ata o venres 15 as conferencias de investigadores españois, italianos, franceses, alemáns ou norteamericanos, que contribuirán ás investigacións compostelás e á súa difusión e promoción en Europa e no resto do mundo.

Baixo o título de “Peregrino, ruta e meta nas peregrinationes maiores”, neste congreso abordaranse as peregrinacións maiores a Santiago, Roma e Xerusalén, abrindo novamente a porta á colaboración entre as principais cidades santas de Occidente, defendendo a súa realidade común, a súa pertenza a unha cultura da peregrinación, e propoñendo a existencia de itinerarios de ida e volta entre os tres destinos. No programa deste encontro, que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos, inclúense un total de 22 conferencias, que abordarán a materia das peregrinacións centrándose en aspectos como os itinerarios, a meta ou o propio peregrino.

O VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos está dirixido por Paolo Caucci, presidente do Comité internacional de Expertos do Camiño de Santiago que se creou no ano 1992 co obxectivo de asesorar no eido científico e cultural á Consellería de Cultura de cara ao Ano Santo de 1993. Este comité está integrado polos máis recoñecidos investigadores europeos de temática compostelá e teñen, ademais de coñecementos especializados, un particular arraigo no mundo xacobeo. Desde a súa creación, organizou xa sete congresos, o último no 2004, o anterior Ano Santo. Agora, o VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos. “Peregrino, ruta e meta nas peregrinationes maiores” continúa esta tradición de encontros de grande prestixio despois de seis anos e no contexto do Ano Santo 2010.

O VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos forma parte da programación do Camiño da Reflexión de Xacobeo 2010, un apartado no que se inclúen congresos, conferencias e debates que xeran reflexión, cuns contidos que quedan rexistrados como legado cultural para futuras xeracións.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia