Almorzo de traballo entre a Xunta e xornalistas especialistas en cubrir a información do Vaticano

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, mantivo un almorzo de traballo cunha delegación internacional de xornalistas expertos en información do Vaticano. O obxectivo deste encontro foi explicarlles de primeira man o dispositivo especial que a Xunta vai poñer en marcha para preparar a visita do Pontífice.

Rueda resaltou que o que se pretende é amosarlle a estes xornalistas especializados na información do Papa, que cobren sempre os actos do sumo Pontífice, a Galicia que o Papa visitará o vindeiro 6 de novembro. Os xornalistas chegaron a Santiago o pasado domingo e marcharán hoxe. Ao longo da súa estadía na nosa comunidade, mantiveron encontros co presidente Feijóo, Salvador Domato e Monseñor Barrio, e visitaron algunhas das zonas máis emblemáticas da nosa comunidade. Son un grupo de 10 persoas procedentes de México, Italia, Arxentina, Portugal, no que tamén están 2 xornalistas españois.

Centro Internacional de Prensa

Rueda explicoulles que a Xunta vai habilitar para a visita un Centro Internacional de Prensa, situado no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, que acollerá dende o 5 ao 8 de novembro aos máis de 1.000 xornalistas que van cubrir o acontecemento. A maioría dos xornalistas acreditados proceden de Europa, concretamente de Italia e Alemania, habendo tamén un número importante que proceden de Estados Unidos, Sudamérica, África e Asia. Ademais, informoulles que o pasado 1 de setembro, Alberto Gasbarri, que é o coordinador das viaxes do Papa Benedicto XVI veu a Galicia, e acompañado do conselleiro visitou as instalacións do Palacio de Congresos e Exposicións.

Dende o centro de prensa, os xornalistas poderán acceder aos discursos do Santo Pai en distintos idiomas; poderán consultar a prensa internacional; conectarse a Internet; ocupar distintos postos de traballo habilitados; e recibir imaxes da visita, que ofrecerá a Televisión de Galicia.

Cobertura mediática

Nese sentido, unha das claves vai ser a retransmisión televisiva, cuxa sinal subministrará a todo o mundo a CRTVG, nun operativo que supón un auténtico reto a nivel técnico e organizativo. Entre outras cousas, están previstas sete unidades móbiles dixitalizadas, máis de 70 cámaras, quilómetros de cabos e un equipo humano de 600 profesionais.

Este acontecemento vai situar a Galicia e ao Xacobeo no centro da actividade mediática a nivel mundial, xa que se estima que entre 100 e 150 millóns de persoas seguirán a visita a través dos seus televisores.

Imaxe da visita

O 20 de setembro, nunha nova xuntanza da Comisión autonómica para a visita do Papa Benedicto XVI a Galicia deuse o visto bo á imaxe elixida para conmemorar o evento. Trátase dunha fotografía do Pontífice saudando, sobre a que se pode ler o lema Galicia, Camiño do Papa, o nome do Pontífice –Benedicto XVI- e a data da visita, o 6 de novembro de 2010.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia