Xacobeo 2010 presenta a iniciativa O fillo do trono

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo presentou a iniciativa O fillo do trono, incluída na programación do Camiño Infantil e coordinada pola editorial Galaxia que reúne un libro, unha curtametraxe e unha obra de teatro co obxectivo de introducir aos nenos no Camiño de Santiago dun xeito ameno e didáctico. A través destes tres elementos, os alumnos do segundo ciclo de Primaria poderán coñecer a historia da ruta xacobea, os motivos que levan aos peregrinos a facer o Camiño de Santiago, ou os diferentes medios nos que se pode levar a cabo a peregrinación.

A campaña foi presentada polo director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos. Na presentación tamén participou Francisco Castro, coordinador de novos proxectos da Editorial Galaxia. Esta tarde, o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistirá a primeira das funcións do proxecto no Salón Teatro.

O libro que forma parte da iniciativa O fillo do trono leva por título A contar estrelas no Camiño. Nel cóntase a historia de catro amigos que nunha noite de verán viven por primeira vez o espectáculo das estrelas fugaces. Estas estrelas serán as que acompañen a estes rapaces e os guíen nunha viaxe a través do tempo, ata as orixes do Camiño de Santiago, unha ruta tecida con trenzas ao longo dos séculos.

Viaxe ás orixes do Camiño

Por outra banda, a curtametraxe O fillo do trono amosará aos rapaces unha viaxe animada ás orixes do Camiño de Santiago e levaraos ata o instante en que comezou esta historia de peregrinacións. Deste xeito, e a través de debuxos animados e coa axuda de actores, os escolares remóntanse ao inicio das peregrinacións a Compostela.

Por último, a iniciativa inclúe unha obra de teatro que leva por título Cara ao campo das estrelas, que narra a historia de Paio e Berenguela, membros da denominada como Osoclex (Orde Superior de Operarios do Camiño Lácteo Estelar Xacobino). Ambos introdúcense nun bosque camiño de Compostela e alí aparéceselles a raíña Lupa, bruxa e feiticeira, que os obriga a superar unha serie de probas se queren seguir o seu camiño. A partir de entón sucédense situacións disparatadas, batallas e aventuras impresionantes, e moitas risas nun espectáculo de luz, son e audiovisual deseñado por Sarabela Teatro.

Representacións teatrais

Esta obra representarase, no mes de outubro, en Santiago, Muros, Tui e Viveiro e a ela asistirán de xeito gratuíto alumnos de segundo ciclo de Primaria dos colexios que participan nesta iniciativa. En Compostela haberá catro funcións, que se celebrarán o 6 e o 7 de outubro no Salón Teatro. Ao día seguinte, o venres 8 de outubro o Auditorio do Centro Cultural de Muros acollerá unha representación da obra de teatro. O mércores 13 será a quenda do concello pontevedrés de Tui, onde se representarán dúas funcións no Teatro Municipal. Por último, o día 14 o concello lucense de Viveiro será o escenario dunha representación que terá lugar no Teatro Pastor Díaz. Nos meses de novembro e decembro, a obra itinerará por varios concellos da comunidade galega.

A iniciativa O fillo do trono forma parte do Camiño Infantil da programación de Xacobeo 2010, un apartado no que se inclúen os proxectos relacionados coa infancia e que se levan a cabo a través de diferentes formatos dedicados aos nenos que se levarán por todas as comarcas de Galicia para achegar os valores do Camiño aos máis pequenos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia