Angélika Kirchschlager, por primeira vez en Compostela o 21 de setembro

Enmarcado no ciclo Xacobeo Classics, de Xacobeo 2010, mezzosoprano Angélika Kirchschlager, considerada unha das grandes figuras da lírica austríaca, ofrecerá un concerto no Teatro Principal de Santiago, a partir das 21.00 horas, o 21 de setembro. Será a primeira actuación desta artista en Compostela.

A artista interpretará en Santiago un programa dividido en dúas partes, estando a primeira dedicada a un dos mestre do lied, o austríaco Hugo Wolf, e a segunda na que se deleitará ao público asistente cunha selección dos lieder compostos por Richard Strauss.

O concerto de Angélika Kirchschlager englóbase dentro do XI Ciclo de Lied de Santiago, que desde o 14 e ata o 28 de setembro se celebra na cidade baixo o lema Se os poemas tivesen ás... o lied (Músicos e poetas 2). O ciclo está organizado polo Concello de Santiago e a Asociación Galega de Lírica, ao que Xacobeo 2010 contribúe coa actuación desta artista de recoñecido prestixio internacional. Coa participación neste proxecto, Xacobeo 2010 reafirma o seu compromiso pola posta en marcha de contidos de calidade a través, neste caso, do ciclo Xacobeo Classics, o proxecto máis ambicioso no ámbito específico da música clásica de cantas inciativas se desenvolveron ata o momento na comunidade galega.

Habitual da Ópera de Viena, Kirschlager ofrecerá en Galicia a súa maior especialidade, unha Liederabend (velada lírica). Por outra banda, esta artista gravou todos os grandes ciclos liederísticos, ademais dun bo número de obras como O soño dunha noite de verán, de Mendelssohn. Alumna do gran Walter Berry, cantou obras como Don Giovanni no afamado escenario de La Scala baixo a batuta de Ricardo Muti. Ademais, colabora habituamente con directores como John Elliot Gardiner, Nikolaus Harnoncourt ou Kent Nagano, entre outros.

Nova cita de Xacobeo Classics

Xacobeo Classics ofrece outra cita destacada para os afeccionados da música clásica o próximo 27 de setembro no Centro Cultural Caixanova de Vigo coa versión en concerto da obra mestra cómica de Donizetti, La fille du règiment. Ao escenario subirá un grande elenco internacional encabezado por unha das principais sopranos belcantistas da actualidade, Patrizia Ciofi, que estará acompañada polo tenorio Celso Albelo, que estarán acompañados pola Orquesta e coro da Sinfónica de Galicia, dirixida por Luciano Accocella, un dos máis brillantes directores novos de Italia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia