Arranca o IV Outono Gastronómico nas casas de turismo rural de Galicia |

Cada unha das casas rurais ofrecerá un ou dous menús exclusivamente concibidos para esta ocasión. Ademais todos os menús inclúen viños das cinco Denominacións de Orixe galegas. A oferta do Menú Outono Gastronómico inclúe os entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños ou outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa (IVE incluído). Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o Menú Outono Gastronómico e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do seguinte día dentro da oferta. O prezo é de 100 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 60 euros para unha persoa en cuarto individual. Ademais desas dúas posibilidades, a oferta completa da Fin de Semana Outono Gastronómico. Neste caso inclúe dous Menús Outono Gastronómico por persoa, aloxamento e almorzo nunha das casas de turismo rural participantes nesta promoción (noite de venres e sábado). O prezo é de 180 euros as dúas persoas en cuarto dobre ou de 120 euros por unha persoa en cuarto individual, novidades estas do ano 2009, da actual Secretaría Xeral para o Turismo.
Novidades
Doutra parte, como novidades este ano, en calquera do establecementos adheridos poderase optar a gañar algún dos 120 premios directos agochados no interior das casas rurais participantes. 25 fins de semana, 25 paquetes gastronómicos e 70 menús gratis sortearanse nas casas de turismo rural de Galicia para agradecer a confianza dos usuarios do programa.
Outra das novidades destacadas desta edición é o incremento na aposta divulgativa da campaña. Das habituais insercións en medios de comunicación escritos, a campaña difundirase por primeira vez en televisión e radio. A colaboración especial coa Televisión de galicia a través do programa ‘Larpeiros’ así como a difusión en “mupis urbanos” de Santiago e a través de mupis formato “senior” (máis grandes) na Coruña contribuirán á promoción dun paquete, que tamén chegará a cidades como Vigo, Ferrol, Ourense, Pontevedra ou Lugo por medio de varios autobuses urbanos rotulados.
Fóra de Galicia un camión rotulado viaxará a Barcelona con reparto de material promocional, coincidindo coas festas da Mercè. En Madrid presentarase o venres 17, na Casa de Galicia, o paquete ‘Outono Gastronómico 2010’, que tamén estará presente a través da campaña de promoción de gastronomía de Galicia no mercado de San Miguel. Trátase de descubrir ao público as variedades e calidade dos produtos gastronómicos de Galicia cunha posta en escea innovadora; uns ‘carritos expositores’ instalados no centro do edificio tematizarán o produto cunha montaxe orixinal e sofisticada. Ao frente de cada un, estará persoal desprazado de Galicia e vendedores habituais da especialidade. Paralelamente, nos restaurantes do mercado celebraranse xornadas gastronómicas e sesións de ‘show-cookings” con cociñeiros galegos.
No apartado de promoción, o ‘Outono gastronómico’ contará ademais con 12.000 guías bilingües en castelán e galego, 85.000 dípticos, 40.000 trípticos, 5.000 manteis individuais serigrafiados cos elementos gráficos da campaña, 500 carteis informativos, 5.000 sinaladores de páxinas para libros, espazo web específico en Turgalicia, entre outros. O volume de negocio do ‘Outono Gastronómico’, tal e como recordou a secretaria xeral, está sendo moi satisfactorio. Así, “dos 125.000 euros que facturaron os establecementos de turismo rural na primeira edición pasouse aos 400.000 da terceira, o ano pasado”, afirmou.
As 117 casas que desenvolven esta campaña ofrecen os servizos descritos durante os venres, sábados e domingos dos meses citados, proporcionando unha boa oportunidade para que o público que aínda non coñece o turismo rural de Galicia se achegue deste xeito á historia e ao patrimonio dos Pazos de Galicia, hoxe coidadosamente rehabilitados; para revivir a época das casas señoriais, Casas Grandes; para pasar unha noite nunha auténtica Casa Reitoral; ou para sentir o latexo da vida rural das Casas de Aldea e de Labranza.
Estes menús, xunto con toda a información desta campaña pode ser consultada na páxina web de Turgalicia, www.turgalicia.es, de xeito que os clientes poden estudar previamente tanto as composicións dos menús como as fotografías e o resto das características das casas participantes, a fin de facilitarlles a elección mais acaída aos seus gustos. Tamén haberá material dispoñible nas 94 oficinas de turismo de Galicia e se poderá obter información sobre o programa no teléfono 902 200 432.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia