Turismo promove a reconstrucción virtual da Catedral de Santiago

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, promove a reconstrucción virtual da Catedral de Santiago no marco do proxecto europeo Interreg Sudoe ‘Loci Iacobi’, do que tamén son socios a Diócese de Beja, en Portugal, e a Communauté d’Agglomération du Puy, en Velay (Francia). O proxecto conta cun orzamento total de 872.000 euros, dos que 654.000 son finaciados polos fondos Feder. “Trátase de potenciar a investigación, promoción e dinamización turística e cultural vinculada ao Camiño de Santiago nos territorios socios”, asegurou a secretaria xeral Mª Carmen Pardo, “non só como expresión cultural europea, senón tamén como elemento de cohesión entre comunidades transnacionais, de modo que se favoreza a capacidade de actuación en común”.

Dentro dos proxectos figura o deseño, fabricación e posta en marcha e mantemento dun equipo interactivo multitáctil que inclúe información cultural e turística para a musealización da Catedral de Santiago de Compostela mediante o uso das TiCs. Para levalo a cabo, realizarase unha instalación museística de contidos off-line, no que o visitante poderá interactuar cunha maqueta virtual tridimensional do templo mediante o uso das dúas mans sobre a pantalla e o acceso á información específica de cada elemento salientable. En canto ao tema dos contidos, tamén haberá un portal de internet sobre o casco antigo da cidade de Santiago baseado na imaxe e vídeo de alta resolución con información asociada e creación dun mundo virtual con personaxes definidos polos usuarios como experiencia virtual do camiño xacobeo.

Entre as distintas ferramentas que se poñerán en marcha destacan as seguintes: imaxes xigapíxel de Santiago, que permitirán a visualización fotográfica dos lugares máis emblemáticos do casco antigo da capital galega; a recreación dun mundo virtual on-line (metaverso), que posibilitará a existencia dun mundo virtual tridimensional multiusuario dedicado a Santiago como centro de peregrinación, con entornos de benvida, áreas expositivas específicas, percorridos polo entorno virtual que describan o proceso e as diferentes rutas de peregrinación, etc. e a posta en marcha un vídeo omnidireccional, de 360 grados, que permitirá o acceso a través da web a contidos onde se mostrará a actividade da cidade compostelana, tanto en interiores como en exteriores, relacionada co patrimonio histórico da cidade e o Camiño de Santiago. Unha das características será a inclusión da filmación da liturxia do Botafumeiro. A última das ferramentas será a destinada a aplicación web para teléfonos móbiles.

A acción conxunta dos tres socios pretende desenvolver solucións comúns para as dificultades encontradas con respecto ao desenvolvemento turístico e cultural da ruta de peregrinación e contribuirá á dinamización dos itinerarios utilizados ao longo dos séculos polos peregrinos.

Comités de pilotaxe

Dentro do proxecto europeo ‘Loci Iacobi’, celebraranse os vindeiros días 7 e 8 de outubro en Le Puy (Francia) unha nova reunión do partenariado, así como un seminario itinerante titulado ‘Valorización económica do Camiño de Santiago. O Camiño do século XXI nunha perspectiva de turismo europeo sostible na Via Podiensis dende Le-Puy-en Velay’, no que intervirá a secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, cunha ponencia titulada ‘A actividade económica do Camiño de Santiago na política turística de Galicia’.

Tamén se desenvolverán catro mesas redondas de axentes de turismo, a cultura e axentes locais, na que os fíos conductores serán as diferentes formas de acollida e aloxamento dos peregrinos, os servizos asociados (transporte de equipaxes, infraestruturas sostibles, preservación do Camiño...), deporte, produtos autóctonos e desenvolvemento local así como a explotación turística do Camiño (axencias de viaxes e turoperadores).

Xa no mes de novembro, realizarase outro comité de pilotaxe o día 25, mentres que o 26 se celebrará outro seminario temático, a inauguración da exposición itinerante e un concerto musical, cuxo programa completo se poderá consultar en breve na páxina web do proxecto www.lociiacobi.eu.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia