O Compostela Organum Festival arranca o Ciclo de Verán na Igrexa das Ánimas

O martes 17 de agosto da comezo o Ciclo de Verán do programa de música culta Compostela Organum Festival, patrocinado por Xacobeo 2010, dentro da programación preparada para o Camiño da Espiritualidade. Organizado polo Consorcio de Santiago, coa colaboración da Asociación Musical Berenguela, este novo ciclo estenderase ata o 22 de agosto e contempla concertos de carácter gratuíto en catro igrexas do casco histórico compostelán, ademais de na Catedral de Santiago. Os concertos terán como protagonistas aos órganos dos templos, un feito posible tras os traballos de restauración levados a cabo polo Consorcio ao longo destes anos.

Despois do éxito acadado polo Ciclo de Primavera, a Igrexa das Ánimas acolle o primeiro dos concertos desta nova estación, a partir das 20.30 horas, que contará coa Capela Compostelana, que emprega técnicas vocais e instrumentais propias dos séculos XVI, XVII e XVIII, e estará dirixido por Miro Moreira. Logo diso, sucederanse os concertos nas igrexas de Santa Clara, San Miguel dos Agros, na Catedral de Santiago, no templo de San Paio de Antealtares e, novamente, na Igrexa das Ánimas. Por elas, pasarán músicos e formacións de primeira liña neste eido como os organistas Juan de la Rubia, Konstantin Volostnov, Bruno Forst ou Marco Brescia, que actuará acompañado da soprano Rosana Brescia.

Con iniciativas como esta, Xacobeo 2010 reforza a súa aposta por impulsar propostas de calidade que poñan de relevo a recuperación do patrimonio cultural e da tradición musical galega. No caso do Compostela Organum Festival, hai que salientar tamén o traballo desenvolvido a prol da revitalización da música duns instrumentos intimamente ligados aos templos composteláns. A próxima cita de Compostela Organum Festival será en outubro, co desenvolvemento do Ciclo de Outono.

Compostela Organum Festival-Ciclo de Verán

17 de agosto
20.30
Igrexa das Ánimas
Capela Compostelana. Dirección: Miro Moreira.

18 de agosto
21.00
Igrexa Conventual de Santa Clara
Juan de la Rubia, órgano.

19 de agosto
20.30
Igrexa de San Miguel dos Agros
Marco Brescia, órgano. Rosana Brescia, soprano.

20 de agosto
21.00
Catedral de Santiago
Konstantin Volostnov, órgano.

22 de agosto
20.30
Igrexa Conventual de San Paio de Antealtares
Capilla de Extravagantes. Dirección: Bruno Forst


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia