Feijóo: "O galeguismo é renovar diariamente o compromiso con Galicia"

E para formar parte del non é preciso comulgar con ningún dogma, nin superar ningunha proba, nin iniciarse en ningún rito. É suficiente con que cada un sexa fiel a si mesmo, a ser galega ou a ser galego". "A sabedoría do noso pobo logrou que a autonomía non fora unha escusa para encerrarnos en nós mesmos, senón un estímulo para incorporar mellor as ricas variantes do mundo a nosa forma de entender o mundo, a galeguidade".

Feijóo, que participou no acto con motivo do Capítulo Xubilar Santiago 2010 organizado pola "Enxebre Orde da Vieira", quixo agradecer á esta institución o seu traballo constante e o seu compromiso "firme e sincero" con Galicia. Amais, o responsable do Goberno galego transmitiu, tamén, os seus parabéns a todas as persoas e entidades galardoadas. "Tanto Enrique Beotas, como Santiago Torres, a Revista Compostela, ou a empresa Begano, cada un deles desde a súa parcela de actuación, fan un exercicio constante de exhibición da súa condición de galegos ou o seu amor por Galicia".

Para Feijóo, a existencia desta Enxebre Orde da Vieira fai posible, por exemplo, ser galego en Madrid, ou en calquera parte do mundo, e poder sentir que se está en Galicia. "Porque sempre que vos xuntades, non importa onde, aí está Galicia. A idea de Galicia transcende do contorno meramente físico e pode aparecer en calquera parte do mundo na que se xuntan dous galegos".

Así mesmo, Feijóo afirmou que non é casual que moitos galegos, coñecidos ou anónimos, se sintan en calquera lugar como na súa casa. "Tampouco creo que sexa froito do azar que eses mesmos galegos non sentiran a súa galeguidade mermada pola súa vecindade temporal en calquera lugar onde habiten. Hai unha especie híbrida que esta institución premia, o ‘Madrigallego’, á que pertencen, por exemplo, Ramón María del Valle Inclán, Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez ou Camilo José Cela. E así como configuramos esa nova especie, a do ‘Madrigallego’, a nosa galeguidade lévanos a imaxinar novos territorios. Aí esta, por exemplo, esa "Sexta Provincia" proposta por ese insigne representante da madrigaleguidade, como é Enrique Beotas. Esa "Sexta Provincia" esta poboada de persoeiros que demostran –incidiu- que o galeguismo posúe a gran virtude da pluralidade".
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención aseverando que hai moitos xeitos de querer a esta terra. "Todos son válidos. Todos axudan a que este país noso medre en liberdade e benestar. Ningún sobra nese gran reto que é o de seguir construíndo a Galicia moderna, a Galicia que hoxe temos, e a Galicia que estamos preparando para as próximas xeracións".
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia