Mark Knopfler ofrece en Compostela un dos concertos estelares do Xacobeo 2010

O artista escocés Mark Knopfler ofrece o mércores 28 de xullo ás 22.00 horas no Multiusos Fontes do Sar un concerto patrocinado por Xacobeo 2010 e incluído dentro da programación do Camiño da Música. O artista chega a Santiago de Compostela, no mesmo día da súa cita cos galegos, xa que o día anterior ofrece un concerto en Lisboa. Xa se venderon máis de 8.000 entradas para ver en directo ao ex líder de Dire Straits.

Mark Knopfler aterra en Compostela para presentar o seu novo traballo, Get Lucky, e para regalar aos seus seguidores varios dos seus temas máis coñecidos. Alma mater de Dire Straits, o artista escocés subirá ao escenario do Multiusos Fontes do Sar ás 22.00 horas e deleitará aos máis de 8.000 asistentes con case dúas horas de intensa actuación. Aínda hai entradas dispoñibles nos puntos de venda oficiais (web de Caixa Galicia, rede Ticketmaster e El Corte Inglés) e no despacho de localidades do Multiusos Fontes do Sar en horario de mañá, de 12 a 14.00 horas, e pola tarde dende as 17 horas. As portas abriranse para o acceso do público a partires das oito da tarde.

O concerto enmárcase dentro da xira Get Lucky Tour que o artista está a desenvolver durante os meses de verán, con 60 concertos en máis de 20 países europeos. As once cancións do álbum que presentará mañá son unha exploración das raíces musicais de toda unha vida, abordadas cunha extraordinaria combinación do folk e o blues coa súa orixinal forma de composición.

Para asistir ao concerto haberá un servizo lanzadeira a partir das 19.00 horas e ata as 22.00 horas (inicio da actuación) desde a rúa de Ramón Piñeiro (lateral Parlamento de Galicia) ata o Multiusos Fontes do Sar. Así mesmo, a liña de bus urbano C11 (circular de Fontiñas) incorporará o Multiusos Fontes do Sar ao seu percorrido habitual a partir das 19.00 horas e ata as 22.00 horas; as paradas máis céntricas para acceder a esta liña sitúanse na rúa Xeneral Pardiñas, praza de Galicia, rúa da Ensinanza, rúa Virxe da Cerca e rúa de San Pedro. As liñas C5 e C6 realizarán os seus percorridos e pasos habituais polo Multiusos. Ao finalizar o concerto manterase o servizo lanzadeira de regreso, con destino á rúa de Ramón Piñeiro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia