Feijóo agradece a grande afluencia de peregrinos no Ano Santo 2010

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou a súa satisfacción pola grande afluencia de peregrinos e turistas que ao longo do ano, e nomeadamente, estes días, visitan Santiago de Compostela e Galicia, e manifestou o seu desexo de que durante os vindeiros meses o Xacobeo “siga a ser un éxito”.

Así mesmo, agradeceu ás Súas Maxestades Os Reis que onte estiveran presentes nun día tan importante para Galicia e, de igual xeito, reiterou a súa satisfacción pola vindeira visita do Santo Pai a Santiago, que culminará un Ano Santo “rendondo”.

“Santiago é o protagonista unha vez máis”, enfatizou Feijóo, quen confesou a súa ledicia por como transcorreu a xornada do Día de Galicia e, ademais, por como está a transcorrer o mes de xullo, en canto a número de turistas que visitan a nosa comunidade.

O espírito aventureiro do Camiño

O mandatario galego recibiu no Obradoiro aos rapaces que integran a expedición da Ruta Quetzal e ao seu fundador e director, Miguel de la Quadra-Salcedo. No encontro, Feijóo tivo a oportunidade de conversar con eles e coñecer a un dos mozos galegos que participan na aventura e a outros procedentes de diferentes rexións de Iberoamérica.

Feijóo participou nunha foto de familia cos membros da expedición que o convidaron a acuñar unha moeda conmemorativa da Ruta Quetzal. Precisamente, sobre o seu director, Miguel de la Quadra-Salcedo, o titular da Xunta dixo que é un aventureiro que simboliza moi ben o que é o Camiño de Santiago, que é “facer unha aventura”, dixo. No caso deste edición da ruta empezou en Hipanoamérica e rematou en Santiago, lembrou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia