Xacobeo 2010 achega 100.000 euros para os fogos das Festas do Apóstolo

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo aportou 100.000 euros para o desenvolvemento do espectáculo dos fogos artificiais do Apóstolo, espectáculo de luz e son, organizado polo Consorcio de Santiago, que se celebra en Santiago de Compostela o sábado 24 de xullo e que este ano contará como novidade con réplicas entre os días 25 e 30 de xullo, ademais dos fogos fin de festa do 31 de xullo. Serán, pois, 8 noites de pirotecnia que estarán enmarcadas dentro da programación de Xacobeo 2010 para o Camiño das Artes Escénicas.

Así o manifestou o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, esta tarde durante a presentación dos Fogos do Apóstolo, acto no que estivo acompañado polo xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva Prieto; o concelleiro de Festas do Concello de Santiago, Xosé Baqueiro, e os representantes da empresa Pirotecnica Caballer, adxudicataria do concurso para a realización do espectáculo de fogos de artificio cun contrato que ascende aos 356.360 euros, Rafael García Barat e Ernesto López.

Ignacio Santos describiu ao tradicional espectáculo dos Fogos do Apóstolo, que se desenvolven a noite do 24 de xullo, coma o “punto culminante” da celebración do Ano Santo e sinalou que, ano tras ano, o espectáculo e a simbólica queima da fachada da Catedral converte á Praza do Obradoiro e a toda a cidade de Santiago “no mellor expoñente da convivencia entre a tradición e a vangarda, da integración cultural e da hospitalidade ao acoller aos centos de miles de persoas que se achegarán para acompañarnos nesta festa”. Salientou, asemade, que o espectáculo simboliza o que supuxo a figura do Apóstolo e do Camiño ao longo dos séculos e asegurou que reflicte e contribúe á difusión dos valores de Xacobeo 2010.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia