5.000 quilómetros das Rutas Xacobeas, retratadas por Gabriel Díaz

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle a exposición Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago do artista Gabriel Díaz. Para a realización da mostra o artista recorreu a pé e ao longo dos últimos seis anos as rutas xacobeas de toda Europa, tomando unha fotografía cada once pasos. As imaxes foron transformadas posteriormente na video-instalación do Museo das Peregrinacións e de Santiago. A exposición, organizada pola Fundación ARQ ART para a Promoción da Arquitectura e a Arte en colaboración co Museo, posúe un carácter de simultaneidade noutros centros de España e Europa a partir da obra videográfica do autor.

O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel presentou a mostra esta mañá como “un proxecto anovador de implicación transnacional no que se recuperan valores humanos que o Camiño de Santiago de Compostela fomentou desde fai séculos a través da experiencia do peregrino”. O director xeral do Patrimonio Cultural estivo acompañado polo autor da exposición, Gabriel Díaz e polo presidente da Fundación ARQART, Salvador Díaz Magro. A inauguración da exposición terá lugar esta mesma tarde ás 20,00 horas.

José Manuel Rey Pichel valorou a iniciativa como unha “excelente mostra do que realmente abrangue o Camiño de Santiago desde a perspectiva do peregrino” que é capaz de crear “un diálogo entre o patrimonio natural, o patrimonio artístico e o propio ser humano que atopan nos distintos camiños de Santiago a súa manifestación máis expresiva, desde unha óptica actual”. O director xeral apuntou asemade a característica da mostra que recorda que o “fenómeno da peregrinación non é algo ancorado no pasado senón un feito que está moi presente na vida cotiá de hoxe en día”.

Para o director xeral do Patrimonio Cultural, a mostra Os Camiños de Santiago no Camiño de Santiago, da cumprimento a dous obxectivos fundamentais do Museo das Peregrinacións e de Santiago como son “o de recordar á sociedade que o fenómeno da peregrinación segue vivo na actualidade e engloba manifestacións que adoptan as máis variadas morfoloxías e o de fomentar a valoración da produción artística actual”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia