Sentadas as bases do dispositivo para a visita do Papa Benedicto XVI

A Comisión Autonómica para a visita do Papa Benedicto XVI vén de celebrar unha reunión na que se sentaron as bases do dispositivo especial que a Xunta vai poñer en marcha para preparar o evento, que inclúe habilitar un centro de prensa internacional, a elaboración dun plan de emerxencias, a mobilización do voluntariado e a cobertura televisiva da visita pola CRTVG.

Outra das medidas tomadas é a creación dunha oficina, adscrita á Consellería de Presidencia, que contará cun equipo permanente con acreditada experiencia na organización deste tipo de accións e que se encargará do traballo diario de preparación da visita, coordinando as actuacións da Comisión Autonómica cos plans previstos pola Santa Sede e o Arcebispado, así como cos diversos centros directivos e entidades participantes na organización.

Precisamente, o conselleiro de Presidencia, Administracións e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da coordinación entre administracións e institucións implicadas na organización da visita para garantir o éxito dun evento que proxectará a Galicia en todo o mundo neste ano Xacobeo 2010 e que mobilizará a 200.000 persoas, segundo as estimacións da Xunta.

Nese sentido, unha das claves vai ser a retransmisión televisiva, cuxa sinal subministrará a todo o mundo a CRTVG, nun operativo que é un auténtico reto a nivel técnico e organizativo e que hoxe avanzou na reunión o director xeral da Compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo. Entre outras cousas, están previstas sete unidades móbiles dixitalizadas, máis de 70 cámaras, quilómetros de cabos e un equipo humano de 600 profesionais.

Tamén no plano de cobertura mediática do evento, a Xunta vai habilitar para a visita un Centro Internacional de Prensa, situado no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela e que acollerá e facilitará o traballo dos máis de 1.000 xornalistas que se agarda que poidan cubrir o acontecemento.

Emerxencias e voluntariado

Na reunión de hoxe, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, tamén presentou un esbozo do que será o plan de emerxencias, que será coordinado co resto de Administracións –a seguridade depende do Goberno central-, e que buscará garantir a seguridade e a integridade do Santo Pai e dos milleiros de persoas que se citarán en Santiago o 6 de novembro para este acontecemento.

Nese sentido, tamén xogarán un papel fundamental os voluntarios, tanto os procedentes do Plan de Voluntariado do Xacobeo 2010 como os adscritos á Dirección Xeral de Xuventude da Xunta, que actuarán en coordinación cos voluntarios do Arcebispado. A súa labor pasa por realizar funcións de alerta ante posibles emerxencias, facilitar información xeral ao público e ofrecer primeira asistencia ante incidencias.

Finalmente, outra das decisións tomadas hoxe foi comezar a elaborar un programa cultural paralelo, que complete as actividades propias da visita e que o faga no marco do Ano Xacobeo 2010 que, segundo explicou o conselleiro de Presidencia, quedará para sempre vinculado ao acontecemento histórico que representa a visita do Papa a Galicia.

Comisión Autonómica

A Comisión reunida está composta por membros permanentes e non permanentes, e dentro dos primeiros atópanse os conselleiros de Presidencia e de Cultura; os secretarios xerais da Presidencia, de Medios e da Consellería de Presidencia; o director xeral do Gabinete da Presidencia; o director xeral de Emerxencias e Interior; o comisario xefe da Unidade da Policía Adscrita a Galicia; o director xeral da CRTVG; e o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O órgano ten como fins programar, impulsar, canalizar e coordinar as actividades que leven a cabo os centros directivos da Xunta e as súas entidades vinculadas, competentes ou relacionadas polo seu obxecto coa visita do Papa. Igualmente, supervisará a execución das actividades previstas no marco da Comunidade Autónoma, en colaboración coas demais administracións implicadas, así como coas entidades privadas e particulares que participen na organización da visita.

Entre as funcións do órgano están programar e canalizar as disposicións que desenvolvan as consellerías en relación coa visita; impulsar e coordinar as actuacións necesarias para o desenvolvemento da visita; colaborar coas outras administracións na organización; e desenvolver o programa de actividades previstas, supervisando a súa adecuada execución no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia