O Museo do Mar de Galicia únese ao Xacobeo 2010 coa mostra Ars Itineris

O Museo do Mar de Galicia únese á celebración e conmemoración do Ano Santo coa mostra Ars Itineris-A viaxe na arte contemporánea, que se inaugura na sala de exposicións temporais do recinto museístico de Alcabre, en Vigo. A mostra, composta por obras de dezaseis artistas, forma parte do programa de actividades organizadas pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC) e o Consello Xacobeo, en colaboración coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Museo do Mar de Galicia e a Obra Social La Caixa.

Ao acto de inauguración asistiron o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares; o director do Museo do Mar de Vigo, Pablo Carrera; o director de proxectos da SECC e comisario da mostra, Xosé Luís García Canido; a tamén comisaria da mostra, Oliva María Rubio, e os artistas José Freixanes e Jorge Dragon.

Durante a súa intervención, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, destacou que “Vigo ten o privilexio de ser unha das sete cidades que acollerán este ambicioso proxecto”, que, segundo dixo, “é un camiño, un percorrido no que se mira a través dos ollos do viaxeiro”. Neste punto, Ignacio Santos recordou que “para Xacobeo 2010 o Camiño de Santiago foi o elemento inspirador e a base na que se sustenta a programación deseñada para este ano Ano Santo”.

Asemade, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo asegurou que Ars Itineris “enmarcase no Camiño Contemporáneo, un apartado da programación que amosa a vangarda das artes plásticas, a fotografía, a arquitectura e a arte visual, con mostras nas que participan os artistas máis representativos do momento, como é o caso de Ars Itineris,”.

A exposición, que se poderá visitar ata o 10 de outubro, está composta por 35 pezas de dezaseis artistas que experimentan, a través das súas obras e de diversas técnicas e estilos, na definición da viaxe e nas experiencias e impresións que esta reverte no viaxeiro. O visitante poderá contemplar as obras de Karmelo Bermejo, Kcho, Adolfo Schlosser, Gabriel Díaz, Antón Patiño, Ignacio Basallo, Jorge Dragón, Kimsooja, José Freixanes, Antonio Muntadas, Juande Jarillo, Darren Almond, Ibon Aranberri, Eugenio Dittborn, Mayte Vieta e Alfredo Jarr. Asemade, a exposición conxuga pezas tan diversas como fotografías, esculturas, videoinstalacións e pinturas.

Destaca a obra do artista galego José Freixanes que, nos exteriores do Museo do Mar de Galicia, exporá Ao final do amencer, composta por un gran manto de 160 metros lineais que contén retais de roupa pertencente a persoas nadas fóra de España, pero que residen en España. Constrúe así, un camiño no que conviven diversidade de culturas, ao igual que acontece no Camiño de Santiago.

Por outra banda, desde o inicio da mostra, flotará no espazo do Museo do Mar de Galicia, unha nube de PVC, na que o público poderá introducir imaxes e vídeos relacionados co Camiño a través de pendrives. Este proxecto corresponde a obra do artista valisoletano Eugenio Ampudia titulada Nubes da memoria, que se iniciará desde cada un dos centros nos que se expoñen as obras de Ars Itineris. O 11 de xullo as primeiras nubes comezarán a súa peregrinación cara Santiago, transportadas por camiñantes, con chegada o 22 de xullo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia