Begano S.A. -Coca Cola- patrocina o Xacobeo 2010 cun millón de euros

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asinou co presidente do Consello de Administración de BEGANO Coca Cola (Bebidas Gaseosas del Noroeste S.A.), Federico Amor, un convenio de patrocinio polo que a empresa galega apoiará ao Xacobeo 2010 con 1 millón de euros. O conselleiro considerou este acordo como “unha canle fundamental para levar o proxecto Xacobeo a todos os recantos de Galicia”.

Segundo Roberto Varela, a través da sinatura deste convenio de patrocinio, BEGANO S. A. “demostra a súa implicación co amplo e ambicioso proxecto que supón o Ano Santo” e, asemade, “amosa o seu compromiso e o seu apoio aos programas e actividades que se están a desenvolver con motivo deste Xacobeo”.

O conselleiro definiu a BEGANO S.A., concesionaria de Coca Cola para Galicia que conta con máis de 25.000 clientes e máis de 1.500 traballadores, como un “referente na nosa terra que desde a súa creación apoiou sempre as actividades culturais e deportivas”. A empresa galega, que naceu hai máis de 50 anos, supón un “exemplo na dirección de empresa, e na creación de postos de traballo e riqueza para Galicia e para todos os galegos”.

Empresa galega

Roberto Varela gabou, asemade, o caracter eminentemente galego da sociedade embotelladora, “formada por empresarios galegos que nas súas mans está o 70% do seu capital”.

BEGANO (Bebidas Gaseosas del Noroeste, S.A.) é unha das sete sociedades embotelladoras independentes en España dos produtos baixo as marcas da Compañía Coca Cola. A súa actividade céntrase na fabricación, venta e distribución de refrescos carbonatados e non carbonatados, tés fríos, zumes, augas, produtos de nova xeración, bebidas para deportistas e bebidas enerxéticas. BEGANO fabrica, vende e distribúe Coca-Cola, Sprite, Fanta, Nordic Mist, Nestea, Fruitopia, Aquarius, Powerade, Burn, Mickey Aventuras, Minute Maid, Aquabona e Mare Rosso.

O seu territorio comprende o 100% de Galicia. BEGANO conta cunha planta embotelladora en A Coruña, dotada con catro grupos de fabricación, e posúe outras seis delegacións no territorio galego (Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo), que atende a un gran número de minoristas das catro provincias galegas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia