Máis de 5.000 persoas xa teñen entrada para o concerto de Mark Knopfler

O cantante Mark Knopfler, o que fora líder dos Dire Straits, estará no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela o 28 de xullo, dentro do Camiño da Música da programación de Xacobeo 2010, para presentar o seu último traballo, Get Lucky. Cando quedan algo menos de cinco semanas para a súa actuación, xa se dispensaron máis de 5.000 entradas para o concerto.

O 70% das persoas que adquiriron a súa entrada residen en Galicia (con especial incidencia nas cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo), e o 30% restante corresponde a xente de fóra da comunidade galega, unha boa parte de Madrid e Barcelona, pero tamén de Salamanca, León, Oviedo, Burgos, Santander, Valladolid ou do norte de Portugal. As entradas para asistir á actuación de Santiago están á venda a un prezo de 48 euros na web de Caixa Galicia, en El Corte Inglés e Ticketmaster.

Xira de presentación de ‘Get Lucky’

Mark Knopfler regresa a España trala súa última visita o pasado 2008 na que esgotou entradas en Madrid e Granada, cando presentou Kill to Get Crimson. Esta vez, Knopfler amosará o seu novo traballo, Get Lucky, un disco gravado nos premiados Estudios British Grove e coproducido polos seus acompañantes Chuck Ainlay e Guy Fletcher. As once cancións do álbum son unha exploración das raíces musicais de toda unha vida, abordadas cunha extraordinaria combinación do folk e o blues coa súa orixinal forma de composición, con ingredientes británicos personalizados e unhas letras froito da observación máis vívida.

O concerto enmárcase dentro da xira que o artista desenvolverá durante os meses de maio, xuño e xullo deste ano, con sesenta concertos en máis de vinte países europeos. Gañador de varios Grammy ao fronte de Dire Straits, vendeu millóns de discos en todo o mundo, colleitou éxitos con temas como Money Is For Nothing, Sultans of Swing ou Romeo and Juliet, e foi capaz de crear un son único que marca unha parte da historia da música máis universal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia