Ourense acolle a exposición En Camiño sobre o fenómeno Xacobeo

Xacobeo 2010 inaugura en Ourense a exposición audiovisual En Camiño, un proxecto que se enmarca no Camiño Contemporáneo da programación deseñada para o Ano Santo. Esta mostra itinerante, que se poderá contemplar no Auditorio Municipal da cidade, consta dun vídeo-documento e dunha secuencia de fotografías sobre a peregrinación xacobea nos camiños que pasan por Galicia –en especial o célebre Camiño Francés e a súa continuación cara a Fisterra–, e outra serie complementaria sobre a cidade de Santiago de Compostela. As pezas, de gran calidade, van montadas en caixas de luz, acentuando o seu atractivo e creando unha atmosfera de misterio.

En Camiño consta de 28 caixas de luz nas que están situadas as fotografías de distintos puntos do Camiño de Santiago en Galicia e da cidade de Santiago, así como dun vídeo no que participan peregrinos. Despois de Ourense, a mostra viaxará a Corcubión, concello no que recalará entre os días 4 e 25 de agosto. No mes de setembro, a exposición chegará ao municipio pontevedrés de Lalín, onde estará ata o día 29. En Camiño seguirá a súa particular peregrinación por Galicia en outubro, mes no que chegará a Sarria, e en novembro, cando rematará a súa viaxe no concello ourensán de Verín.

Malia o valor das 28 fotografías que se amosan ao público, realzadas polo seu formato e presentación en caixas de luz, a peza estrela desta exposición, organizada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, é un vídeo no que os propios peregrinos, procedentes de Alemania, Francia, Inglaterra, Australia, América Latina e de diferentes comunidades autónomas, relatan a súa experiencia de modo directo e moi fresco, posto que a filmación se fixo in situ, mentres peregrinaban, en diversas paraxes do Camiño Francés.

Fenómeno xacobeo

A través deste vídeo e das fotografías, a mostra En Camiño, que se abre ao público en Ourense, pretende reflectir a través de diferentes paisaxes, das imaxes de Santiago de Compostela e das historias das persoas que fan o Camiño, a idiosincrasia única do fenómeno xacobeo, coñecido en todo o mundo como sinónimo de diálogo, solidariedade, hospitalidade e cultura.

Esta exposición está enmarcada no Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010, un itinerario no que se recollen os proxectos expositivos de carácter máis vangardista, que se exhibirán en diversos espazos de Galicia. Este apartado amosa unha revisión do Camiño e da figura do peregrino a través dos ollos dos artistas máis representativos da fotografía e das artes plásticas do momento.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia