Litvi 2010 debate sobre as literaturas do Camiño

A segunda xornada de LITVI 2010, o Encontro Internacional de Literatura de Viaxes organizado por Xacobeo 2010 e que está enmarcado no Ano do Libro e da Lectura, estivo protagonizada pola inauguración do congreso As literaturas do Camiño, que se celebra ata o mércores 23 de xuño no Centro Social de Caixanova de Santiago de Compostela.

Neste acto, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, destacou que “do Códice Calixtino, a Mittleuropa de Vicente Risco ou Viaje a la Alcarria, de Camilo José Cela; os libros de viaxes teñen cumprido a imprescindible función de difundir a cultura ou de descubrir paraxes, paisaxes e patrimonio e tamén teñen ofrecido miles de horas de felicidade”. Asemade, engadiu que o congreso sobre as literaturas do Camiño, “intenta explorar os segredos que esconde o Camiño de Santiago”.

A conferencia inaugural, presentada por Ignacio Santos, correu a cargo do catedrático Fernando López Alsina e tratou sobre O Códice Calixtino, primeira guía universal. O experto en Historia Medieval foi presentado polo director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e manifestouse “honrado” por dar comezo ao congreso.

Trala súa conferencia, a sesión completouse co coloquio entre John Rutherford e Suso de Toro, sobre os seus libros As frechas de ouro e La flecha amarilla, presentados por Xulio Valcárcel; e a conferencia Pícaros e literatura picaresca no Camiño con Pablo Arribas Briones, introducido por Luís G. Tosar.

Mañá, o congreso As literaturas do Camiño vivirá Centro Social Caixanova a súa segunda xornada, centrada en Portugal, o xornalismo e o teatro. Unha das figuras internacionais que forma parte de LITVI, o portugués Sérgio Luís de Carvalho, presentado por Tucho Calvo, falará de Portugal, peregrinación e fe. A mesa redonda Escrito no Camiño: literatura e xornalismo, moderada por Cristóbal Ramírez, agrupará a Paco Nadal, Francisco Singul, Lois Celeiro e Rosa Villada. A última mesa redonda na xornada de As literaturas do Camiño versa sobre O teatro sobre os Camiños e xuntará a Manuel Lourenzo, Xavier Lama e Dolores Vilavedra, coa moderación de Xosé Henrique Rivadulla Corcón.

Pola tarde, ás 18.00 horas, Julio Llamazares e Paco Nadal tomaron un café cun grupo de lectores no Café Casino e no Parador Hostal dos Reis Católicos, respectivamente. Asemade, Fernando Martínez Laínez, Sergio Luís de Carvalho, Ana María Briongos e Paco Nadal asinarán as súas obras na Alameda de Santiago.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia