29 fotografías de Pierre Gonnot transmiten fortes sensacións sobre o ser humano en Terre de Personne

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, presentou a exposición Terre de Personne, do fotógrafo francés Pierre Gonnord, no Claustro Alto do Mosteiro de San Martiño Pinario e que forma parte do Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010. Na rolda de prensa, Ignacio Santos estivo acompañado de Pierre Gonnord e do comisario da mostra, Rafael Doctor Roncero.

A mostra, organizada por Xacobeo 2010, a Comunidade de Madrid, o Arcebispado de Santiago de Compostela, Seminario Maior e patrocinada por Telefónica, está composta por un total de 29 fotografías entre as que se inclúen unha serie de retratos e paisaxes realizados polo fotógrafo Pierre Gonnord en distintos puntos de Galicia.

Na súa intervención na rolda de prensa, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, destacou que con esta exposición marcase un fito clave na programación de Xacobeo 2010 e recalcou que “é imposible quedar impasible ante retratos como o a campesina Madalena, diante de imaxes que amosan os efectos devastadores dos incendios, ou a impresionante forza do mar”.

Ignacio Santos engadiu que “para Xacobeo 2010 é unha honra tomar parte neste ambicioso proxecto expositivo e colaborar para que Santiago acolla este conxunto de fotografías chamativas e que transmiten fortes sensacións sobre o ser humano”.

Terre de Personne, que estará aberta ao público ata o próximo 1 de agosto no Claustro Alto do Mosteiro de San Martiño Pinario, é o último traballo do prestixioso fotógrafo francés residente en España e supón un exercicio dunha complexa elaboración no que a técnica fotográfica se mestura coa aproximación psicolóxica a cada unha das personaxes que prestan o seu rostro a esta exposición. Esas persoas son as verdadeiras protagonistas da mostra e a chave da investigación particular do fotógrafo sobre a alma humana.

Como importante novidade na obra de Pierre Gonnord, a exposición contará por primeira vez coa incorporación de grandes paisaxes que dialogarán no espazo coas persoas retratadas. Trátase de imaxes realizadas desde a mesma calma que preside cada un dos seus retratos e nela recollese desde a infinita forza do mar, ata a calma dunhas grandes raíces, a violencia dun incendio, ou o estraño orden dun bosque de eucaliptos.

O obxectivo desta serie de fotografías é poñerlle rostro ás persoas que viven e traballan nos entornos rurais e que teñen unha forma de vida e de traballo moi afastada da que acontece na cidade. Para lograr este efecto, o fotógrafo trasladouse a pequenas vilas e aldeas do norte de España e de Portugal.

No traballo de Gonnord que hoxe chega a Santiago, dáselle un especial protagonismo ás persoas maiores, a xente que acumula o paso do tempo nos seus rostros e que transmiten coa súa mirada as duras condicións do seu traballo. As imaxes destas personaxes levaron ao autor a fotografiar tamén os espazos nos que residen para poder comprender o seu xeito de vida. Xunto a estas persoas maiores aparecen as fotografías de xente nova que tamén traballa na terra, como son os mineiros.

Ao acto de inauguración de Terre de Personne, que se celebrará pola tarde, asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña; o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás; o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio Barrio; o reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez Varela; o director territorial de Galicia e Asturias de Telefónica España, Ignacio Aller; o fotógrafo Pierre Gonnord, e o comisario da exposición, Rafale Doctor Roncero.

Convenio

Esta é a segunda exposición que se fai no marco do convenio firmado entre a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e o Arcebispado de Santiago para a organización de proxectos expositivos no mosteiro de San Martiño Pinario durante os anos 2010 e 2011, e que traten sobre aspectos relacionados co Ano Santo.

Despois de Regreso á orixe. Xerusalén, Roma, Santiago (que pode visitarse ata o mes de agosto) e Terre de Personne, tamén chegará ao Mosteiro de San Martiño Pinario a exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, que se inaugurará o 18 de agosto e que recala en Compostela despois de exporse en París e Roma, onde se atopa actualmente. Por último, o mosteiro acollerá a mostra Bibliotecas do Camiño de Santiago, da fotógrafa Cándida Höfer.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia