Preséntase Destino Galicia a turoperadores xaponeses

A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo López, presentou o destino Galicia no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela a unha vintena de operadores turísticos de Xapón, que tamén se reuniron con axentes turísticos de toda España, entre eles un grupo de axentes galegos, co obxectivo de comercializar o destino Galicia no país asiático.

A visita á nosa comunidade por parte deste grupo dos máis salientables turoperadores nipóns, que comezou este martes, é unha acción de promoción de Turgalicia desenvolta coa colaboración de Turespaña. Durante a súa estancia, de dous días de duración, os vinte compoñentes do grupo tiveron a posibilidade de disfrutar dunha visita guiada pola cidade de Santiago, onde os operadores coñeceron todos os detalles relativos á meta da ruta xacobea e a cidade patrimonio da humanidade.

Xuntaza de traballo

O obxectivo fundamental desta acción de promoción é reunir aos operadores xaponeses con profesionais do sector turístico español, de xeito que estes últimos poidan promocionar os seus produtos entre os intermediarios xaponeses, ao obxecto de que estes os comercialicen de xeito máis axeitado no seu país.

Logo desta estadía, os profesionais do Turismo de Xapón, desprazaranse ata Granada onde manterán outro encontro de traballo. Esta acción de promoción turística desenvolverase grazas ás xestións de Turgalicia e só terá lugar nas cidades de Barcelona, Santiago e Granada.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia