Luar na Lubre pecha o ciclo Xacobeo Raíces polo que pasaron máis de 25 artistas

Xacobeo Raíces chegará ao seu remate o domingo, día 6 de xuño, co concerto de Luar na Lubre, que pechará este ciclo musical no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela a partir das 21.00 horas. Esta actuación porá o broche de ouro a unha serie de concertos nos que participaron máis de 25 artistas e agrupacións galegas que, desde o mes de marzo, ofreceron espectáculos de gran calidade en localidades de toda Galicia dentro do programa conformado para o Camiño da Música de Xacobeo 2010.

Desde o seu comezo, Xacobeo Raíces percorreu 12 localidades galegas, en concreto A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Vilalba, Lugo, Tui, Vilagarcía de Arousa, Rianxo, Valga e, este domingo, tocaralle a quenda a Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, deu o salto fóra das fronteiras galegas cun concerto en Madrid celebrado o pasado 1 de maio a cargo de Sondeseu e os Bailaríns de O Fiadeiro. Ademais, dos citados, formaron parte deste ciclo, seguindo a orde de actuación, Fuxan os Ventos; Mercedes Peón e Emilio Rúa; Bonovo e Marful; VL&R e Malvela; Cristina Pato e Mutenrohi; Brath e María do Ceo; Susana Seivane e Quempallou; Berrogüeto, Lizgairo, Espido, Xavier Díaz e Talabarte; Faltriqueira e Treixadura; Uxía e Leilía, e, a anterior fin de semana, Rosa Cedrón e Fía na Roca.

Son, todos eles, agrupacións e artistas de alto nivel, cunha dilatada formación académica e cunha traxectoria profesional ás súas costas que atesoura experiencia e a actuación en centos de escenarios. Recoñecidos e aclamados en moitos países do mundo pola súa proposta musical, as formacións e músicos que compoñen Xacobeo Raíces son os mellores embaixadores da cultura galega. Así pois, esta selección reflicte o que está sucedendo hoxe en día na escena musical galega, con propostas que beben da tradición e que evolucionan á vez que os tempos actuais, convivindo coas correntes contemporáneas, e dando mostra dunha enorme creatividade.

Nesta liña, Luar na Lubre é un dos grupos de referencia da escena musical galega, incluso a nivel internacional. A formación, nada en A Coruña en 1986, ten levado a música galega contemporánea a escenarios tan diversos como Palestina ou Canadá, pasando por Arxentina ou Alemaña. Os seus discos Plenilunio e Cabo do Mundo aportáronlle á banda dous discos de ouro e a consolidación do grande éxito que a súa música estaba cultivando dentro e fóra de Galicia. Luar na Lubre son Sara Louraço, Xulio Varela, Bieito Romero, Eduardo Coma, Patxi Bermúdez, Pedro Valero, Xavier Ferreiro e Xan Cerqueiro.

Por outra banda, no ano 1992 Luar na Lubre inicia unha relación de amizade co músico Mike Oldfield, que se traduciu nunha versión do mítico tema O son do ar por parte do artista británico e que incluíu no seu traballo Voyager en 1996. Esta acción supuxo un gran impulso na carreira do grupo galego, que realizou en 1999 xunto a Mike Oldfield a xira Then & Now.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia