Un libro vencella o Camiño ao viño e destaca a súa importancia no medievo

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegurou na presentación do libro de Francisco Singul Vino y cultura medieval: Galicia y los Caminos de Santiago que “o viño e o Camiño son dúas das mellores representacións de Galicia no mundo, porque son dous elementos que nos amosan que a cultura galega é universal e que o mundo está a seguir con moita atención todas as nosas manifestacións”.

Na súa intervención, o conselleiro cualificou esta publicación como “unha nova ollada aos Camiños de Santiago neste Ano Xacobeo, un ano no que centos de miles de peregrinos están a chegar a Galicia por todas as rutas e están a escribir novos e brillantes capítulos da gran historia do xubileu e da gran historia do noso viño”.

Nesta liña, Roberto Varela afirmou que “hoxe podemos presumir de ter algúns dos mellores viños do mundo” e recordou unha recente publicación do New York Times na que se aseguraba que “os viños da Ribeira Sacra estanse a gañar o entusiasmo de medio mundo”. Roberto Varela subliñou que “dous elementos básicos e tan queridos da cultura galega, como as rutas xacobeas e a enogastronomía, están sendo pezas claves da promoción de Galicia como destino turístico único e de calidade”.

O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que ao abordar a enogastronomía en Galicia, faise necesario mencionar a Álvaro Cunqueiro, “un dos máis ilustres sabios que ten dado a nosa terra neste e noutros moitos eidos”. “Cunqueiro foi varios anos pregoeiro da festa do Albariño, ao que chamaba o príncipe dourado dos nosos viños, e explicaba que xulgar o caldo máxico e único da uva da miña terra, O Salnés, era falar de materia sacra”, engadiu o conselleiro.

Roberto varela recordou que neste ano de celebración para Galicia “a cultura galega está de festa e está a proxectar á mellor imaxe posible da nosa terra cara ao exterior”. Neste senso o representante de Cultura e Turismo agradeceu o traballo de Francisco Singul que coa súa obra “contribúe a que esa cultura sexa cada vez máis rica e máis universal”.

Fusión de viño e tradición xacobea

O libro de Francisco Singul representa a primeira monografía sobre a importancia do viño no Camiño de Santiago. Este exemplar trata das orixes do viño en Galicia e a súa continuidade ao longo da Idade Media así como dos valores simbólicos na importancia gastronómica do mundo medieval e o que significou para o Camiño de Santiago desde Francia a Compostela.

En Vino y cultura medieval: Galicia y los Caminos de Santiago destácase a importancia de Santiago de Compostela como mercado urbano de recepción e redistribución de viños que chegaban de diversas partes de Francia e do Mediterráneo. As ligazóns coa profesión vitícola das diferentes cidades dos Camiños de Santiago en Galicia como Ourense e Ribeiro ou outros mercados de importancia como Tui, Pontevedra e A Coruña, ocupan un lugar de relevancia no libro de Singul. No período da Baixa Idade Media resáltase o feito histórico das peregrinacións marítimas vinculadas á exportación do viño do Ribeiro; moitos barcos de peregrinos procedentes de Gran Bretaña e Flandes levaban nas viaxes de volta toneis de viño do Ribeiro enviados polos comerciantes de A Coruña, Betanzos ou Viveiro. Outros temas fundamentais do volume son a importancia do viño na dieta e na celebración da eucaristía.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia