Orbital encabeza o cartel do festival Vigo transforma entre o 8 e o 10 de xullo

O grupo británico Orbital será o cabeza de cartel do festival Vigo Transforma, que forma parte da programación de Xacobeo 2010, e que se desenvolve desde o 8 ao 10 de xullo na cidade olívica. Cualificados como mestres da electrónica, os irmáns Paul e Phil Hartnoll, subirán ao escenario disposto no peirao de trasatlánticos de Vigo no último día do festival.

Orbital conta con máis de vinte anos de traxectoria profesional ás súas costas, despois de iniciar a súa andadura na escena musical no ano 1989 na localidade inglesa de Sevenacks. Pronto se consolidaron como unha das formacións de referencia do Reino Unido e foi en 1994 cando a súa actuación no Festival de Glastonbury catapultounos de forma definitiva, sendo unha das poucas formacións de electrónica en tomar parte no célebre festival de Woodstock.

En 2004 o grupo decidiu tomarse un longo descanso no que os seus membros emprenderon proxectos en solitario, para reunirse novamente en 2009 con motivo da conmemoración do vinte aniversario da banda. Sen dúbida, o segredo da súa permanencia ao longo de dúas décadas radica en ser creadores dun son que é recoñecible polo público, xunto coa vontade de manterse fieis ao seu propio estilo, fóra de modas ou tendencias musicais. A estas características, hai que sumarlles a calidade que amosan os irmáns Hartnoll en directo, onde sorprenden ao público con vibrantes improvisacións, acompañado todo iso por representacións visuais que non deixa indiferente a ninguén.

Vigo Transforma pretende ser unha plataforma para o fomento da participación, convivencia e propiciará a interrelación de diversas disciplinas artísticas nun contorno urbano. Neste sentido, Xacobeo salienta o carácter innovador desta iniciativa, que conxuga a música con distintas intervencións artísticas na rúa, e destaca que reflicte a filosofía de Xacobeo 2010 ao tratarse dun proxecto orixinal e exclusivo.

De feito, a oferta musical completarase coa programación alternativa Vasos Comunicantes, coordinado polo artista galego Isaac Cordal e que se celebrará entre o día 2 de xullo e ata o 10 en diversos lugares da cidade, que se verán “salpicados” con diferentes traballos de arte, ciencia e tecnoloxía.

Un cartel conformado por primeiras figuras nacionais e internacionais

Coa confirmación da actuación de Orbital, queda pechado o cartel de artistas e agrupacións que conforman Vigo Transforma. Así, compartirá cartel con primeiras figuras nacionais e internacionais como The XX, Standstill, Devendra Banhart, Jeff Tweedy, The Divine Comedy, Fanfarlo, The Morning Benders o Love of Lesbian, entre outros artistas.

O xoves 8 de xullo, inaugurarase no Centro Cultural Caixanova a programación musical coa presentación do espectáculo audiovisual Room, de Standstill. O 9 e 10 de xullo sucederanse as actuacións de Devendra Banhart, The XX, Love of Lesbian, Miike Snow, Triángulo de Amor Bizarro, Jeff Tweedy, Fanfarlo e Os Mutantes, Eladio y los Seres Queridos, The Morning Benders e Caino (Arkestra) & Zinqin Visuals, Polock, The Divine Comedy, Delafé y las Flores Azules e Fisherspooner.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia