16 artistas ofrecen unha visión da creación contemporánea chinesa na mostra Beijing Time

O conselleiro de Cultura e Turismo inaugurou a exposición Beijing Time. A hora de China, que estará aberta ao público en Santiago de Compostela ata o próximo 25 de xullo e que se enmarca no Camiño Contemporáneo da programación deseñada para o Xacobeo 2010. As obras dos 16 artistas chineses que forman parte desta mostra, que se realiza de forma conxunta con Casa Asia, repártense entre Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio de Fonseca, dous espazos emblemáticos cedidos pola Universidade de Santiago mediante o convenio de colaboración asinado coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O acto de inauguración, celebrado no Salón Nobre do Paraninfo de Fonseca, contou asemade coa presenza do director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás; a vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Elvira Fidalgo; o director xeral de Casa Asia, Jesús Sanz Escorihuela, e a directora de Cultura e Exposicións de Casa Asia e comisaria da exposición, Menene Gras Balaguer.

Beijing Time. A hora de China toma o seu nome do feito de que a hora de Pekín é a hora de China, segundo os husos horarios do país, pero esta “hora” é tamén o claro indicio da aparición de China como unha grande potencia mundial. A mostra recolle a obra recente de 16 artistas chineses con base en Pekín e propón unha visión panorámica da creación contemporánea neste país, a través dos formatos máis diversos, desde a fotografía e as videoinstalacións ata o cinema ou as performances, sen deixar de lado o debuxo dixital ou a fotografía.

Segundo Roberto Varela, contemplar a exposición Beijing Time “é unha experiencia enormemente interesante e didáctica e axudará aos visitantes da mostra a desterrar tabús e lugares comúns sobre a cultura chinesa”. “Esta é unha mostra fresca e edificante, que nos permite acceder na nosa propia terra a artistas aínda pouco coñecidos en occidente fóra dos círculos especializados, pero que representan a punta de lanza dunha cultura que aperta con forza”, engadiu.

Asemade, o conselleiro de Cultura e Turismo analizou o rápido cambio e a evolución que está experimentando China nas últimas décadas e, neste novo marco, asegurou que a cultura, “como non pode ser doutra forma, en lugar de ser motivo de confrontación é un instrumento de cohesión e proxección, ao tempo que consegue unir pobos tan distantes como o galego e o chinés”. Neste sentido, o representante de Cultura e Turismo explicou que na súa recente visita á Expo Universal de Shanghai, con motivo da Semana de Galicia, observou como “decenas de miles de curiosos achegáronse con moito interese aos actos do día de Galicia no Pavillón de España, a partir de hoxe unha pequena parte da cultura do xigante asiático estará presente entre nós neste Colexio de Fonseca”.

Roberto Varela afirmou que Galicia está a demostrar “de forma especial neste 2010 que a súa cultura é tan propia como permeable ás creacións que chegan de fóra” e destacou “o impulso que as nosa brillantes manifestacións culturais están tendo alén das nosas fronteiras, cun permanente diálogo con culturas moi distintas e distantes, como demostraron á perfección os recentes, multitudinarios e exitosos actos en Nova York e en Shanghai”.

Exposición de 16 destacados artistas

¿A onde vai China? A esta pregunta tratan de responder algunhas das propostas dos artistas que participan nesta exposición: CANG Xin, LI Wei, GAO Lei, JIN Shi, MIAO Xiaochun, QIN Yufen, SHEN Yuan, SUI Jianguo, WANG Jianwei, WANG Zhiyuan, XIONG Wenyun, YI De’er, YUAN Shun, ZHANG Xiaotao, ZHOU Wendou e DU Zhenjun. O pano de fondo é a gran transformación que se ten producido na sociedade chinesa nas últimas dúas décadas, e que acusou, en maior medida, a cidade. A urbe é unha das grandes protagonistas da exposición e, ao mesmo tempo, tema e escenario de moitas das obras.

O proxecto expositivo xurdiu ante a celebración da Exposición Universal de Shanghai 2010, adoptando o gran formato para uns contidos directamente relacionados coa «cidade», porque é nos novos modelos urbanos onde se localiza o gran cambio sen precedentes que transformou a sociedade chinesa a un ritmo sen precedentes no resto del mundo. A selección dos 16 artistas pretende dar visibilidade a estes cambios operados na sociedade chinesa contemporánea.

Beijing Time. A hora de China enmárcase no Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010, un apartado que recolle os proxectos expositivos de carácter máis contemporáneo plasmados en diferentes espazos de Galicia.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia