A campaña Camino de Santiago, camino de Galicia, ¿vienes? chega a Barcelona

Un total de 16.064 persoas participaron xa na campaña de promoción turística Camino de Santiago, Camino de Galicia, ¿vienes?, entre os días 12 de abril e 22 de maio que está a difundir os valores turísticos de Galicia nas principais cidades españolas.

Esta acción de promoción posta en marcha por Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo, estase a desenvolver nas cidades de Madrid, Valencia, Zaragoza, Barcelona, Bilbao e Sevilla e busca incentivar as viaxes turísticas cara a Galicia co reclamo do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2010.

A promoción “Camino de Santiago, Camino de Galicia, ¿vienes?”, xa se desenvolveu na capital de España con 8.104 visitantes. En Valencia, acudiron 2.829 persoas e, en Zaragoza, 5.131.

Destino Galicia

A través desta campaña, difundiranse os valores do Camiño de Santiago, os acontecementos do Xacobeo 2010 e o destino Galicia nunha contorna de centros comerciais relacionada directamente coa práctica deportiva ao ar libre.

Así, durante 10 días, en centros comerciais de gran afluencia de cada unha das anteditas cidades, un equipo de persoas familiarizadas co Camiño de Santiago e o Turismo de Galicia, ofrecerán información sobre a Ruta xacobea aos clientes das seccións de tempo libre e deportes que participan nesta campaña.

Estes equipos de animadores do Camiño terán como misión convidar aos visitantes interesados en artigos relacionados co tempo libre a facer o Camiño de Santiago, á vez que ofrecen toda a información precisa para realizar a ruta. Ademais, estes equipos difundirán tamén os valores turísticos de Galicia en xeral.

As persoas encargadas de promocionar o Camiño de Santiago e Galicia nos centros comerciais recibiron previamente un adestramento que incluíu a realización da ruta xacobea e formación sobre equipamentos, aprovisionamentos e outros aspectos de interese para os camiñantes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia