Cineastas nacionais e internacionais, na I Mostra de Cinema Periférico S8

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asistiu en A Coruña á presentación de S8-Primeira Mostra de Cinema Periférico, un certame que se celebrará entre o 3 e o 6 de xuño no antigo cárcere da cidade herculina e que forma parte do ciclo Xacobeo Filme. O nome de este proxecto, S8, fai referencia ao formato Super 8, esencia da mostra e ferramenta que foi elixida por multitude de cineastas e artistas de referencia á hora de realizar os seus primeiros traballos fílmicos ou os máis arriscados.

O certame é un dos once festivais que se celebran en todo o territorio galego e que están incluídos en Xacobeo Filme, un ciclo temático de cine e animación organizado por Xacobeo 2010. Esta iniciativa supón unha aposta pola industria audiovisual, que se converteu nos últimos anos nun dos sectores estratéxicos de Galicia, ademais de ser un referente a nivel nacional e internacional, avalado polos múltiples premios e recoñecementos recibidos. Por este motivo, Xacobeo Filme naceu co obxectivo de reforzar e impulsar os certames que se desenvolven na comunidade.

Durante a súa intervención na rolda de prensa celebrada hoxe na cidade de A Coruña, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, amosouse convencido de que a primeira edición desta mostra convencerá ao público e augurou que este certame “nace coa vocación de seguir adiante nos próximos anos”.

Asemade, Ignacio Santos asegurou que S8-Primeira Mostra de Cinema Periférico “cumpre cos obxectivos que se marca Xacobeo 2010 de apostar claramente por formatos novos, exclusivos e orixinais. En definitiva, por propostas únicas nas que destaque a creatividade artística e o talento”.

Entre o 3 e o 6 de xuño, o antigo cárcere provincial de A Coruña, situado preto da Torre de Hércules, será o escenario dun acontecemento onde o Super 8 será o punto de partida para o cinema documental, as vangardas, o cine performativo e o vídeo-arte, que convivirán con clases maxistrais, obradoiros para nenos e mesas de presentación e debate. Por este certame tamén pasarán recoñecidos cineastas, tanto nacionais como internacionais.

Con estas premisas, S8-Primeira Mostra de Cinema Periférico nace con carácter internacional e co obxectivo de fomentar as novas formas de expresión a través da imaxe e de ser testemuña dun cinema que se atopa en constante evolución.

A mostra renderá homenaxe ao artista Iván Zulueta, contará coa presencia de Mark Rappaport, María Cañas e Bruce McClure, e terá unha sección dedicada ao audiovisual galego onde se poderán ver películas inéditas feitas en Galicia nos últimos 40 anos e proxeccións do arquivo histórico galego. Esta sección é Outros formatos do cinema en Galicia, onde se abordarán as creacións de artistas galegos que incorporan o cine como medio de expresión da súa obra.

Nesta primeira edición proxectarase en primicia a obra fílmica do último dos mestres do surrealismo, o pintor Eugenio Granell e farase unha retrospectiva dun autor que coas súas obras, trocou o cine galego: Ernesto Díaz Noriega. Asemade, os novos creadores galegos terán a oportunidade de abrir novas vías de difusión da súa obra no Observatorio, onde entrarán en contacto distribuidoras, galerías de arte ou responsables de centros de cultura.

Ciclos e retrospectivas

Durante as tres xornadas que dura este certame terán lugar no antigo cárcere provincial unha serie de ciclos e retrospectivas, que se combinarán con mesas redondas e debates sobre os ciclos programados. Entre eles destacan o apartado Opera Prima, que inclúe unha retrospectiva completa sobre os primeiros traballos dun autor recoñecido, ou Cine Contemporáneo en Super8, no marco do que se realiza un repaso da obra de cineastas contemporáneos que traballan e exploran o cine empregando o formato Super 8 como ferramenta principal.

Tamén forman parte deste certame o ciclo Outros cines, no que se exploran as vangardas e o cine experimental, e o apartado A segunda vida das imaxes, un ciclo de cinema documental que se basea na experiencia creativa do uso de imaxes alleas ou de arquivo á hora de crear novas obras audiovisuais. Outra sección do festival leva por nome Outros formatos do cinema en Galicia e nela acóllense obras iniciáticas ou experimentais de directores galegos.

O S8 contará, ademais, con actividades paralelas que se realizarán nas rúas da cidade, como pode ser a denominada Os Contapelis (que intervirán de xeito espontáneo en puntos urbanos facendo participar á xente do feito cinematográfico), ou o uso do transporte urbano como soporte dalgunhas pezas da mostra.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia