O Xacobeo celebra en Ponteareas o concerto de Amaia Montero coincidindo co domingo do Corpus

O xerente do Xacobeo, Ignacio Santos, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, presentou o concerto de Amaia Montero que se celebrará o 6 de xuño nesta localidade coincidindo co seu día grande de festas, o domingo do Corpus.

“O concello de Ponteareas é un referente cultural en Galicia, cunha das festas máis importantes e representativas, á do Corpus, de aí que consideremos moi importante o apoio á mesma con este concerto, dunha artista consagrada e gran renombre, que será gratuíto e aberto a tódolos veciños”, asegurou o responsable do Xacobeo.

Pero as actividades de colaboración entre este municipio pontevedrés e o Xacobeo non quedan aquí. “O sábado 22 de maio, e durante toda a noite, alfombristas de Ponteareas e do concello canario da Oratava (co que se atopa irmandado) construirán unha gran alfombra de flores que estará lista xusto para a misa do Peregrino do domingo 23 de maio”.

Dende Ponteareas partirán numerosos vehículos así como un autobús que levará aos 15 alfombristas canarios que xa se atopan na localidade pontevedresa así como aos veciños da vila que colaborarán na creación desta alfombra floral que contará con motivos xacobeos. “Así, na alfombra se poden ver peregrinos e o propio Camiño de Santiago”, explicou o rexedor da vila.

A alfombra floral que cruza a praza do Obradoiro estará realizada con técnica mixta e para a mesma cóntase con 50.000 caraveis, 200 metros cadrado de diversos elementos coma tulla ou buxo, coca de eucalipto para o perfilado, recheos vexetais e breixo canario.

En relación as actividades do Xacobeo na localidade de Ponteareas, Ignacio Santos confirmou que “poderá haber máis colaboracións que iremos anunciando no seu momento”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia