Xacobeo 2010 presenta o Ano Xubilar en Nova York coa gaiteira Cristina Pato

Nova York será a cidade elixida para a presentación do Ano Xubilar e a promoción do Xacobeo 2010 e da súa imaxe nos Estados Unidos e farao da man da gaiteira Cristina Pato como embaixadora cultural. Será no prestixioso auditorio de The New York Times, The Times Center, espazo de referencia na vida cultural neoiorquina, a partir das 19.00 horas, nun evento que contará cunha recepción á que acudirán máis de 200 personalidades de referencia do eido cultural e diplomático, ademais de medios de comunicación estadounidenses. Tamén estará presente unha delegación do goberno galego encabezada polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña.

Dita recepción, que dará comezo ás 19.00 horas, estará precedida por unha presentación do ano Xacobeo 2010 a través da proxección dun vídeo promocional. Pola súa parte, a ourensana Cristina Pato actuará como embaixadora de Xacobeo 2010 tanto na recepción dos convidados como a través dunha mostra do seu último traballo, The Galician Connection, en directo e que presentará, pro primeira vez, na súa cidade de residencia desde 2004.

Neste concerto, a gaiteira compartirá escenario coa cantante Rosa Cedrón e co acordeonista Víctor Prieto. Aclamada pola crítica nacional e internacional como gaiteira e pianista, Cristina Pato percorreu os grandes escenarios de España, Estados Unidos, Portugal, Reino Unido, Francia, Italia ou México. Asemade, colaborou en xiras de artistas e formacións internacionais como The Chieftains, Yo-Yo Ma, a Orquesta Sinfónica de Galicia ou a Chicago Symphony Orchestra, entre outros. Conta con cinco discos no mercado, máis dunha vintena de colaboracións en traballos doutros artistas e contabiliza uns 400 concertos ás súas costas.

Cristina Pato conta, igualmente, cunha extensa formación académica, na que destaca o ter recibido en 2008 o título de Doctor of Musical Arts pola Mason Gross School of the Arts da Rutgers University, quen tamén lle concedeu o premio Irene Alm Memorial Prize á excelencia como investigadora e intérprete.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia