Compostela acolle entre o 2 e o 6 de xuño a III Bienal Literaria Internacional

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou a III Bienal Literaria Internacional que terá lugar en Santiago de Compostela do 2 ao 6 de xuño do 2010 e que acollerá asemade a IV Conferencia da Fundación Iberoamericana do PEN coincidindo coa celebración do Ano do Libro e da Lectura e o Xacobeo 2010. Roberto Varela apuntou á capacidade do congreso compostelán para contribuír a que “a literatura galega viaxe e se proxecte por toda América e todo o mundo, fortalecendo as frutíferas pontes que unen a Península Ibérica con Latinoamérica”.

Para o conselleiro, a III Bienal supón unha “excelente iniciativa dinamizadora da cultura e das letras galegas”. Na presentación do congreso, o conselleiro de Cultura e Turismo expresou a súa convicción acerca da “validez universal da obra dos nosos creadores” e apuntou o compromiso do Goberno “para que chegue a todos os recantos do planeta”. Neste sentido, o responsable da Consellería de Cultura e Turismo manifestou “a necesidade de dar a coñecer a valiosa obra dos nosos autores alén das nosas fronteiras”.

Roberto Varela asegurou que a IV Conferencia da Fundación Iberoamericana do PEN é sinónimo de “prestixio e historia literaria”. O conselleiro valorou o papel do PEN “na súa loita incansable pola liberdade de expresión”. Do mesmo xeito, Roberto Varela manifestou o compromiso da Xunta de Galicia na procura “dunha absoluta liberdade de expresión e pensamento”.

III Bienal

Do 2 ao 6 de xuño de 2010, a III Bienal de Pedra e de Palabra concibirase como un punto de encontro e máis un foro de debate. Non se trata dun congreso de escritores senón de que os participantes contrasten as súas opinións na procura de camiños abertos e plurais para o feito literario, neste caso en Iberoamérica.

A literatura galega será a anfitrioa, tanto do mundo das letras hispanoamericanas coma das letras luso-brasileiras. Coa III Bienal preténdese que a literatura galega sirva de punto de encontro entre dúas grandes áreas lingüísticas e literarias, a hispanoamericana e a lusófona. As fondas históricas relacións de Galicia con América e a diáspora a aquel continente xustifican de sobra o evento.

De pedra e de palabra consolídase na súa terceira edición como un foro aberto entre escritores das diversas rexións do mundo celebrado en Santiago de Compostela. Nesta edición está prevista a participación de poetas, novelistas, ensaístas, dramaturgos, xornalistas, críticos, profesores de literatura, editores e cantos dun xeito ou doutro participan da escritura creativa, da industria do libro e da promoción de lectura.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia