San Martín Pinario acolle a mostra Regreso á orixe. Xerusalén, Roma, Santiago

Xacobeo 2010 inaugura a exposición Regreso á orixe. Xerusalén, Roma, Santiago. Unha viaxe contemporánea, que estará aberta ao público ata o mes de agosto na sala Tullas e na Fernando de Casas do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela. A mostra está composta por un total de 82 fotografías e un documental de vinte minutos de duración que recolle a viaxe que o fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel e o músico Alejandro González fixeron ás tres metas das peregrinacións maiores: Xerusalén, Roma e Santiago.

A mostra audiovisual que se inaugura hoxe, organizada por Xacobeo 2010, Arcebispado de Santiago de Compostela, Seminario Maior e patrocinada por Telefónica, supón un particular regreso ás orixes do fenómeno das peregrinacións. Nesta viaxe, os dous autores galegos mostráronse atentos á tradición cultural e a sensibilidade relixiosa que impregna os lugares e camiños de Terra Santa, Roma e Santiago de Compostela, uns espazos que están moi ligados á orixe da tradición cristiá.

Na rolda de prensa celebrada esta mañá estiveron presentes o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos; o reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez Varela; o fotógrafo Manuel Valcárcel; o músico Alejandro González, e o comisario da exposición, Francisco Singul. Durante a rolda de prensa, Ignacio Santos destacou que a mostra, enmarcada no Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010, supón “unha visión actual e persoal destes dous artistas galegos, que consegue captar a forza espiritual de cada unha destas metas da peregrinación”.

O proxecto expositivo forma parte do Camiño Contemporáneo da programación de Xacobeo 2010, un apartado que supón unha revisión do Camiño de Santiago e da figura do peregrino a través dos ollos dos artistas máis representativos da fotografía e as artes plásticas do momento. Nestas iniciativas inclúense retratos, paisaxes dos camiños e peregrinacións fotográficas nas que se ofrecen visións de vangarda, cunha estética conceptual baseada na investigación particular sobre a alma humana e o coñecemento.

Deste xeito, as imaxes que compoñen Regreso á orixe. Xerusalén, Roma, Santiago. Unha viaxe contemporánea poñen de manifesto aspectos tradicionais que definen a peregrinación piadosa, as prácticas de devoción que cumpren os fieis que se achegan a estes lugares e desvelan os contrastes da vida contemporánea. A través das 82 fotografías que se expoñen en San Martiño Pinario, destácanse as tradicións e os cerimoniais específicos dos camiños e das súas respectivas metas.

Asemade, a mostra que se inaugura hoxe recolle a fascinación polo sagrado manifestada nos principais templos das tres cidades santas –igrexa do Santo Sepulcro de Xerusalén, a basílica de San Pedro do Vaticano e a catedral de Santiago–. Tamén se mostra o encontro entre culturas que provocan os santuarios e os camiños de peregrinación, en especial a ruta xacobea.

A exposición audiovisual recolle as claves principais do fenómeno histórico da peregrinación, os seus valores universais,o legado cultural que supoñen, e a comprensión e solidariedade que se xera entre os peregrinos. Os autores asumen o papel de peregrinos no seu recente viaxe aos tres lugares máis sagrados da Cristiandade. Regreso á orixe. Xerusalén, Roma, Santiago. Unha viaxe contemporánea é o reflexo dunha viaxe a través do Próximo Oriente, Turquía, Europa do Este, o Mediterráneo, o norte peninsular e a Galicia xacobea.

O acto de inauguración de Regreso á orixe. Xerusalén, Roma, Santiago. Unha viaxe contemporánea terá lugar esta tarde, ás 20.00 horas, na sala San Felipe Neri do Mosteiro de San Martiño Pinario. Ao evento asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña; director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio; o reitor do Seminario Maior, Carlos Álvarez Varela, e o director Territorial de Galicia e Asturias de Telefónica España, Ignacio Aller García. Xunto a eles estarán o fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alejandro González, así como o comisario da exposición, Francisco Singul.

Convenio

Esta é a primeira exposición que se fai no marco do convenio firmado entre a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e o Arcebispado de Santiago para a organización de proxectos expositivos no mosteiro de San Martiño Pinario durante os anos 2010 e 2011, e que versen sobre aspectos relacionados co Ano Santo.

Despois de Regreso á orixe, o mosteiro acollerá en xuño a mostra Terre Personne, que inclúe unha serie de retratos e paisaxes realizados polo fotógrafo Pierre Gonnord acerca da Galicia interior e da Costa da Morte. Chegará tamén, despois de exporse en París e Roma, a mostra itinerante Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, que se inaugurará a mediados de agosto, sobre a Europa románica da primeira metade do século XII e os diferentes Camiños ata Compostela.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia