Air Nostrum abre en maio novas rutas aéreas A Coruña-Valencia e Vigo-Sevilla

O conselleiro de Presidencia, Admnistracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López; e mais o conselleiro delegado de Air Nostrum presidiron no aeroporto de Manises o bautismo dun avión da compañía co nome de Galicia. Esta mañá dende A Coruña realizouse un voo A Coruña-Valencia que simboliza o voo inaugural das novas rutas que Air Nostrum comeza a operar con Galicia en maio. Vigo-Sevilla e A Coruña-Valencia serán as dúas novas conexións que se poñen en marcha e que veñen a ampliar a conectividade aérea de Galicia, o aporte de visitantes e o catálogo de posibles destinos directos para os galegos. En ambos casos haberá tres voos semanais –martes, xoves e domingos- e no caso da conexión entre a capital viguesa e a andaluza os avións teñen programada a súa saída ás 10.10 horas os martes e xoves e ás 13.15 horas os domingos. No sentido inverso, as aeronaves teñen fixada a saída ás 12.15 horas os martes e xoves e ás 11.15 horas os domingos.

No caso da ruta A Coruña-Valencia os horarios serán os martes ás 13.50 horas e os domingos as 10.15 horas. En paralelo, as naves despegarán de Valencia ás 15.55 horas os martes e xoves e ás 12.20 horas os domingos. Malia todo, entre o 25 de xullo e o 5 de setembro non operarán os voos. Os billetes xa están á venda dende 79 euros, ida e volta e todo incluído.

Coa inauguración destas dúas novas rutas directas Air Nostrum pasa a operar 9 enlaces e 55 frecuencias semanais nos 3 aeroportos galegos. Na subtempada de agosto, do 23 de xullo ao 5 de setembro, Air Nostrum enlazará ademais Santiago de Compostela con Gran Canaria e Tenerife.

Alfonso Rueda, Carmen Pardo e Carlos Bertomeu descubriron hoxe en Manises o nome que flanquea o exterior da cabina do reactor nas instalacións da compañía en Valencia onde se ubica o hangar de Air Nostrum –o maior da aviación rexional europea-. O ‘Galicia’ viaxará a 7 países de Europa e Norte de África a bordo dun CRJ 200, un moderno reactor canadiano con capacidade para 50 pasaxeiros, 27 metros de longo e 21 de envergadura que alcanza os 3.054 km.

O conselleiro de Presidencia destacou hoxe a proxección que ofrecerá da Comunidade un avión co seu nome e tamén subliñou a importancia das novas rutas A Coruña-Valencia e Vigo-Sevilla para ampliar as oportunidades de negocio, os intercambios comerciais e o número de turistas que se achegan Galicia. Nesa liña, apuntou a necesidade de facer visible e accesible a Galicia en dúas comunidades que destacan polo seu dinamismo e por ser porta de entrada de numerosos visitantes.

Pola súa parte, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, engadiu que dende agora todos os aeroportos galegos teñen conexión directa con Valencia e que esta comunidade ocupa a oitava posición como destino emisor de turismo a Galicia e a cuarta posición en cifra de peregrinos. Os peregrinos procedentes da Comunidade Valenciana representan aproximadamente o 12,5% do total de españois que chegan a Compostela. É a cuarta comunidade en orde de importancia neste segmento, despois de Madrid, Cataluña e Andalucía.

Así mesmo, agradeceu a Air Nostrum a súa dispoñibilidade para colaborar coa Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, no obxectivo de conseguir unha maior difusión e coñecemento de Galicia a través da utilización das aeronaves e do transporte aéreo de pasaxeiros como soporte publicitario excepcional para a promoción turística interior e exterior de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia