Xacobeo Filme reúne 11 festivais de cine e animación no Camiño do Audiovisual

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, presentou en rolda de prensa Xacobeo Filme, un ciclo temático de cine e animación organizado por Xacobeo 2010 e que aglutina once festivais que se celebran en todo o territorio galego. Esta iniciativa supón unha aposta pola industria audiovisual, que se converteu nun dos sectores estratéxicos de Galicia, ademais de ser un referente a nivel nacional e internacional, avalado polos múltiples premios e recoñecementos recibidos. Por este motivo, Xacobeo Filme nace para reforzar e impulsar os certames que se desenvolven na comunidade co obxectivo de potenciar un gran Camiño do Audiovisual. No acto, celebrado esta mañá, estiveron presentes os responsables dos once certames que compoñen Xacobeo Filme.

O ciclo proporcionará un mapa de situación do que está ocorrendo no panorama cinematográfico galego, un sector caracterizado pola diversidade, tal e como se reflicte na variedade de estilos e contido dos diferentes festivais que foron seleccionados por Xacobeo 2010 para integrar esta iniciativa. Para iso, seguíronse criterios tan diversos como a antigüidade, a programación, o nivel de convocatoria de público, ademais da localización e resultados obtidos.

Na presentación deste ciclo, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asegurou que Xacobeo Filme “é un exemplo do compromiso do Xacobeo de promocionar a creatividade artística e de dar primacía ao talento” que se produce na comunidade galega. Ignacio Santos engadiu que o obxectivo deste ciclo é “darlle un impulso” aos certames que se celebran en toda Galicia ao longo do Ano Santo e que, na súa opinión, son “instrumentos indispensables para a proxección, difusión e promoción das producións e dos artistas autóctonos e foráneos”.

Ignacio Santos recalcou que o obxectivo de Xacobeo Filme é “facer unha aposta decidida pola industria audiovisual galega”, un sector que definiu como “unha das actividades estratéxicas de Galicia, xerme de inmensa creatividade, recoñecida xa polo amplo abano de premios acadados”.

Potenciar os certames cinematográficos

Xacobeo Filme quere darlle un pulo ás iniciativas que no eido audiovisual xorden en Galicia, para reforzar e potenciar, os certames cinematográficos que se desenvolven na comunidade mediante un denominador común, Xacobeo 2010. Neste sentido, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo asegurou que estes festivais son “os mellores escaparates do que está a pasar na industria audiovisual na nosa comunidade, para a difusión e o impulso dos traballos e dos artistas galegos e dos foráneos”.

Destas mostras e festivais audiovisuais, Xacobeo 2010 seleccionou un total de once para integrar esta iniciativa. Nesta selección tivéronse en conta criterios como antigüidade, programación, afluencia de público ou os resultados obtidos en edicións pasadas.

Dos once certames dous xa foron postos en marcha. Trátase de Animacam, un festival internacional de animación on-line, que se constituíu como punto de encontro entre o mundo da animación, turistas e peregrinos sobre o Camiño de Santiago. E tamén do Festival Play-Doc de Tui, que se celebrou en marzo cun grande éxito de público. Completan o cartel do ciclo Xacobeo Filme o Festival de Cans; a primeira Mostra de Cinema Periférico S8; o Festival On de Ribadeo; o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu; a XXXI Semana Internacional de Cine de Lugo; o Certame Audiovisual Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa; o Festival de Cine de Ourense; o Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal e Cineuropa. Xuntos configuran un circuíto cunha programación que se estende ao longo do ano e que viaxa por todo o territorio galego.

Festival de Animación On-Line Animacam
Todo o ano
On-line

Play-Doc
Do 17 ao 21 de marzo
Tui

Festival de Cans
Do 19 ao 22 de maio
O Porriño

I Mostra de Cinema Periférico S8
Do 3 ao 6 de xuño
A Coruña

Festival Creativo de Curtas OfestivalOn
Do 29 de xullo ao 1 de agosto
Ribadeo

Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Do 6 ao 11 de setembro
Bueu

XXXI Semana Internacional de Cine de Lugo
Do 26 de setembro ao 2 de outubro
Lugo

Certame Audiovisual Liceo Casino de Vilagarcía
Do 28 de setembro ao 7 de outubro
Vilagarcía de Arousa

Festival de Cine Internacional de Ourense
Do 1 ao 9 de outubro
Ourense

Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal
Do 23 ao 31 de outubro
Santiago de Compostela

Cineuropa
Novembro
Santiago de Compostela

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia