Colección exclusiva de botellas de Augas de Mondariz sobre o Camiño de Santiago

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, e a directora de Marketing de Aguas de Mondariz, Alejandra Bernardo, presentaron a serie exclusiva de seis botellas coleccionables dedicadas a algunhas das principais etapas do Camiño de Santiago. Aguas de Mondariz é patrocinador e provedor oficial do Xacobeo 2010.

Na presentación, Ignacio Santos, definiu a serie exclusiva de botellas de Mondariz como “un importante proxecto” que, segundo recalcou, “demostra o compromiso desta marca con Galicia e con todo o que significa este Xacobeo 2010”.

Ignacio Santos engadiu que esta iniciativa permitirá que milleiros de consumidores de Augas de Mondariz fagan, a través destas botellas, “unha ruta por varias etapas dun Camiño que este ano acollerá a peregrinos chegados de todas as partes do mundo”.

Pola súa banda, a directora de Marketing de Aguas de Mondariz, Alejandra Bernardo, destacou que esta acción comercial de Aguas de Mondariz enmárcase “na colaboración activa que a compañía ven mantendo co Xacobeo desde fai un año, favorecendo a súa promoción e difusión na trintena de países onde Aguas de Mondariz ten distribución”.

Asemade, Alejandra Bernardo sinalou que este coleccionable, que supuxo un grande reto para Aguas de Mondariz, “responde ao compromiso da marca con toda Galicia, onde somos líderes, e tamén a nosa vocación de continuar incrementado nosa presenza no resto do territorio nacional”.

Dedicadas a localidades do Camiño

Da primeira unidade da colección, centrada en “Campus Estelae” (Compostela), Aguas de Mondariz comezou a comercializar un total de 75.000 unidades, que terán continuidade ao longo do resto do ano coa progresiva saída ao mercado das botellas dedicadas a Roncesvalles, Puente la Reina, Burgos, León e Ponferrada.

Por último, Alejandra Bernardo subliñou que, ao marxe desta promoción especial, Aguas de Mondariz implicouse co Xacobeo difundindo a súa celebración en todos os seus materiais e envases, como as botellas PET, as botellas de vidro ou as caixas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia