Santiago, punto de encontro reúne obras do Museo Catedralicio, Dalí, Picasso ou Maruja Mallo

Xacobeo 2010 e a Fundación Caixa Galicia inauguran o 29 de abril en Santiago a exposición Santiago, punto de encuentro. Obras maestras de la Catedral de Santiago y Caixa Galicia que se exhibirá, ata o mes de novembro, no edificio da Fundación Caixa Galicia. A mostra está integrada polos tesouros artísticos máis valiosos do Museo Catedralicio xunto con obras mestras da Colección Caixa Galicia, entre elas as de artistas como Dalí, Picasso, Maruja Mallo, Luís Seone e Lugrís

A exposición Santiago, punto de encuentro. Obras maestras de la Catedral de Santiago y Caixa Galicia é unha grande aposta da Fundación Caixa Galicia e de Xacobeo 2010, xa que reúne obras dos artistas nomeados xunto con algunhas das pezas máis destacadas dos fondos do Cabido Catedralicio compostelán, nunha reflexión artística que abrangue un período tan amplo como é dende o século XII ata o XXI, e que se presenta como un inédito diálogo entre a arte sacra e a plástica moderna.

Pezas da Catedral

Asemade, permitirá aos visitantes coñecer, por primeira vez fóra da basílica compostelá, algunhas das pezas máis importantes e descoñecidas da colección da Catedral, como é o Santiago Sedente do Altar Maior, obra de Juan Antonio García de Bouzas, ou o San Mateo esculpido polo Mestre Mateo no século XII, figura pertencente á parte alta do Córeo Lígneo.

Asemade, a mostra complementarase cun amplo programa de actividades dinamizadoras ao seu redor e que comezará o mesmo día da inauguración, o próximo día 29, coa saída dos tradicionais Coco e Coca, figuras que encabezan as saídas dos cabezudos e das que se ten constancia dende a Idade Media.

A exposición está comisariada polos profesores da Universidade de Santiago, Juan Monterroso e Enrique Fernández Castiñeiras, e por Ramón Izquierdo por parte do Museo Catedralicio.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia