Air Berlín promocionará Galicia como destino turístico nas rutas internacionais

A conselleira delegada da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, Carmen Pardo, e mais o representante de Air Berlín PLC & CO. Luftverkehrs KG, Álvaro Middelmann, asinaron un acordo entre as dúas sociedades co obxecto de favorecer a promoción turística de Galicia, coa fin de que se converta nun destino turístico internacional especialmente no eido europeo.

Air Berlín é a segunda compañía aérea máis grande de Alemaña, a terceira aeroliña de baixo custe de Europa e unha das empresas mellor valoradas polos usuarios pola calidade dos seus servizos. Air Berlín ofrece voos en todo o eido europeo e ademais mantén un hub en Palma de Mallorca. O obxectivo do convenio que se ven de asinar é levar a cabo a realización dunha campaña de promoción turística entre os pasaxeiros da compañía Air Berlín para dar a coñecer os aeroportos e cidades galegas ás que voa esta compañía e, deste xeito, dar unha imaxe de destino próximo e doadamente accesible para o mercado español e europeo. O mercado alemán é estratéxico dende o punto de vista turístico e comercial dado que se trata dunha gran potencia económica en Europa.

A campaña publicitaria desenvolverase nos mercados de orixe de interese de Turgalicia; neste caso son de interese os mercados alemán, suízo, austríaco, holandés e dinamarqués. Para isto, Turgalicia e Air Berlín acordaron un plan de marketing no que se detallan os medios e mais as datas de publicación. Turgalicia insertará ao longo do ano 2010 un micro site na web de Air Berlín para promocionar o destino Galicia. O deseño deste microsite e mais o seu contido desenvolverase en colaboración entre Turgalicia e Air Berlín. Para financiar os gastos das accións derivadas do acordo, Turgalicia fará unha achega de 300.000 euros.

Nova conexión

Prevendo o éxito desta colaboración, Air Berlín anunciou ademais que a partir do 26 de xuño e ata o 25 de setembro apliarán as frecuencias entre Palma de Mallorca e Santiago. Haberá unha nova conexión os sábados entre o aeroporto de Palma e o da Lavacolla ás 9.25 horas e entre o aeroporto de Santiago e o de Palma ás 11.50 horas.

Accións promocionais en destinos emisores

Por primeira vez se desenvolve de cara ao Ano Santo 2010 desde a Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, unha campaña de comunicación para dar notoriedade ao destino Galicia. Destinaránse 1,3 millóns de euros en accións de comunicación nos destinos europeos que conectarán cos aeroportos Galegos e as súas áreas de influencia, co obxectivo de estimular a demanda. O obxectivo destas accións promocionais en destino é aumentar o número de pasaxeiros que utilicen esas aeroliñas de modo que, a medio prazo, resulten rentables e se podan financiar nun futuro outras novas conexións. Este investimento de 1,3 millóns é adicional ao investimento global do Goberno galego de 4,5 millóns de euros – aportados polas Consellerías de Cultura e Turismo; Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e mais Economía e Industria- que se investirán para apoiar os destinos internacionais das aeroliñas de baixo custe.

Con esta contribución, dende a Secretaría Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo e máis dende a Dirección Xeral de Mobilidade e a Dirección Xeral de Comercio preténdese aumentar a cota do turismo internacional, mellorar a calidade de vida dos galegos mellorando a súa mobilidade e facilitar a apertura da economía galega ao exterior, propiciando a internacionalización das empresas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia