Xunta, Ministerio de Cultura, Fundación Barrié e Arzobispado de Santiago impulsan as obras do Pórtico da Gloria

A Catedral de Santiago acolleu a firma do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Cabido da Santa Igrexa Catedral de Santiago para a dirección técnica dos proxectos de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e do seu contorno así como das pinturas murais da bóveda e arcos da Capela Maior da Catedral de Santiago de Compostela.

A formalización do acordo tivo lugar na Sala Capitular da Catedral e foi rubricado polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde; o presidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza, José María Arias; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o deán da Catedral, José María Díaz. Na súa intervención, o conselleiro enmarcou o convenio na procura “do máis amplo consenso e das máximas garantías técnicas”. “Creo que coa firma deste convenio dáse un paso correcto e necesario para ofrecer a solución óptima”, asegurou.

Segundo Roberto Varela, “corresponsabilidade e suma de esforzos son os criterios básicos deste convenio que aposta polo mellor traballo interdisciplinar e tecnocientífico que sexamos capaces de reunir nun equipo”. Deste xeito, subliñou, “trátase de ofrecer as maiores garantías técnicas nunhas intervencións claves sobre un elemento central do noso patrimonio: a Catedral de Santiago”. Neste sentido, o conselleiro recordou que o Pórtico da Gloria “forma parte esencial do Patrimonio Cultural de Galicia e do Patrimonio Histórico Español, pero o fai como algo máis que como un espazo arquitectónico ou como un conxunto escultórico sobresaínte; faino como elemento primordial da nosa memoria histórica e cultural, faino como espectacular e emocionante relato aberto ao mundo”.

Servizos técnicos especializados

En virtude do acordo asinado, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e a Subdirección Xeral do Instituto de Patrimonio Cultural de España asumen conxuntamente a Codirección Técnica dos traballos a través dun equipo multidisciplinar formado por técnicos de ambas institucións. Un Comité Científico, integrado por expertos de recoñecido prestixio nas distintas materias e técnicas que interveñen no obxecto dos proxectos, asesorará e colaborará coa Codirección Técnica na búsqueda dos criterios máis axeitados nas diferentes fases da intervención. Para a contratación dos servizos técnicos especializados que permitan o desenvolvemento do convenio, a Consellería de Cultura e Turismo achegará un total de ata 200.000 euros.

Entre as liñas de actuación establecidas no convenio, corresponderá á Fundación Pedro Barrié de la Maza a xestión da política de comunicación e difusión do Programa Catedral. Pola súa banda, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Cabido da Catedral comprométense á prestación da maior colaboración no desenvolvemento dos traballos e na disposición de espazos e acceso dos técnicos para a realización dos labores previstos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia