600 mozos procedentes de Cataluña, Baleares e Andorra farán o Camiño de Santiago dende Tui en agosto.

 O Concello de Tui, segundo informa o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez Pérez, xa está a traballar para que o seu paso pola cidade sexa o máis atractivo posible, e logo de varias xuntanzas de traballo mantida cos promotores da peregrinación teñen acordado a cesión dos Pavillóns Deportivos tudenses para acoller a estes peregrinos así como a realización dun evento musical ou folclórico no serán da súa xornada de estadía en Tui.

Estes datos apuntan a que o fenómeno do Xacobeo está a atraer este ano a gran cantidade de turistas ao roteiro portugués, moi valorado polo seu encanto e riqueza patrimonial polos peregrinos. Cabe recordar que o camiño portugués, que inicia en Tui o seu tramo final, é o segundo que máis camiñantes seduce de entre a multitude de rutas xacobeas existentes.
 
Por parte do Concello auméntanse cada día os esforzos por posicionar á cidade de Tui coma un referente do Camiño Portugués pola súa historia, tradición e riqueza arquitectónica e patrimonial e, sobre todo, pola tradición que atesouran os sendeiros desta ruta. Esta riqueza xa ten chamado a atención dos mozos das Dioceses de Cataluña, Baleares e Andorra, pero tamén de Andalucía e de mozos galegos residentes en toda Europa, que xa confirmaron a súa presenza na cidade para iniciar o Camiño e que os tudenses poderán ver na cidade en grandes grupos de máis de 500 persoas. 

A presenza destes colectivos certifica a importancia do camiño portugués como referente nas peregrinacións á Compostela non xa para grupos galegos, como sucedeu as pasadas semana cun amplo grupo procedente da parroquia de San Francisco Xabier de A Coruña que iniciou en Tui a súa andaina, senón a grupos procedentes doutras zonas da Península e mesmo do estranxeiro.
Prensa Cultura Tui